O Festival Bal y Gay regresa á Mariña cunha programación que une música clásica, patrimonio e educación

AMariñaXa
A décimo segunda edición do certame desenvolverase entre o 12 e o 21 de agosto con concertos, proxectos pedagóxicos e escenarios únicos en sete concellos mariñaos
Bal-y-Gay-presentacion-2025
8 May 2025

A Mariña lucense converterase de novo este verán nun escenario privilexiado para a música clásica coa celebración da XII edición do Festival Bal y Gay. Do 12 ao 21 de agosto, o certame levará concertos, encontros e actividades formativas a lugares emblemáticos de Alfoz, Mondoñedo, Ribadeo, Lourenzá, Cervo, Burela e Viveiro, reforzando así o vínculo entre a cultura musical, o patrimonio e o territorio.

Na presentación do festival celebrada na Casa de Galicia en Madrid, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou que se trata dunha proposta “que contribúe á divulgación e sensibilización arredor da música clásica” e que contará, un ano máis, co apoio da Xunta de Galicia a través da colaboración coa Fundación Xesús Bal y Gay.

O evento, consolidado como un referente do norte peninsular, aposta tamén por un enfoque educativo. Nesta edición, porase en marcha a coral infantil Marinaencanto, na que participará alumnado da comarca, e o proxecto Operiña, unha ópera orixinal adaptada que mesturará teatro, música, danza, literatura e artes plásticas. Dúas iniciativas pensadas para estimular a creatividade e o talento artístico da mocidade mariñá.

A programación musical arrancará de forma extraordinaria xa o 31 de xullo na praza Conde de Fontao de Foz coa actuación de La Carroza Del Real, un espectáculo lírico a ceo aberto. O inicio oficial terá lugar o 12 de agosto, na Fortaleza de Alfoz, co recital do recoñecido pianista Denis Kozhukhin.

Unha das grandes novidades deste ano será o concerto sinfónico-coral do 13 de agosto na Catedral de Mondoñedo, onde a Real Filharmonía de Galicia e o Coro da Comunidade de Madrid interpretarán o Réquiem de Mozart, nun enclave histórico que engadirá emoción e solemnidade á velada.

O broche final porao o barítono galego Borja Quiza, o 21 de agosto, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, acompañado polo pianista Javier Carmena e a mezzosoprano Andrea Rey. Unha proposta que combinará as raíces galegas e españolas para clausurar unha edición chea de arte e emoción. Tamén formarán parte do cartel nomes tan destacados como o Cuarteto Casals e o Cuarteto Quiroga.

A programación completa e os abonos para o festival están xa dispoñibles no sitio web oficial do evento, que cada ano gaña máis seguidores e reafirma o seu compromiso co acceso á cultura dende o rural e co impulso da Mariña como destino musical de primeiro nivel.

⚙ Configurar cookies
0.14886999130249