O Festival Aturuxo reunirá en Bravos recoñecidos artistas entre o 19 e o 20 de xullo

AMariñaXa
O festival con acampada e entrada de balde, ten por obxectivo promover a música folk, rock e pop en galego
presentacion-festival-aturuxo-ourol
Presentación do festival Aturuxo
9 Xuño 2024

A deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López, participou este sábado xunto á presidenta da Asociación Cultural Aturuxeiros, Carmen Rivera Vidal, na presentación da décimo segunda edición do Festival Aturuxo de Bravos, no Concello de Ourol, que reunirá co apoio da Deputación a recoñecidos grupos e artistas do panorama galego, os próximos días 19 e 20 de xullo.

Carmela López felicitou aos organizadores durante a presentación desta nova edición do festival, que tivo lugar no Café Bar Cultural A Sacabeira, en Sargadelos, e subliñou a importancia da celebración de iniciativas culturais como esta “que poñen en valor as nosas tradicións a través da música, e ademais son un polo de atracción importante para fomentar e dinamizar pequenas parroquias rurais coma esta de Bravos, no concello de Ourol”. Destacou a Deputada a colaboración da Deputación, un ano máis, coa asociación Aturuxeiros de Bravos para a organización deste evento que se presentou por todo o alto, cunha xornada festiva na que actuou o grupo compostelá Kedirá.

O Festival Aturuxo defínese a si mesmo como un festival diferente para público familiar, inclusivo e próximo, onde a diversidade e a cultura galega son as protagonistas. O entorno rural no que se leva a cabo é o escenario perfecto para que as diferentes xeracións compartan as potencialidades de cada unha e que todos se fagan conscientes da importancia de coidar o noso patrimonio sociocultural e ambiental.

Un cartel con 10 artistas e bandas de renome

O cartel do Festival Aturuxo de Bravos contará na súa décimo segunda edición coa actuación de 10 artistas e bandas de renome do panorama galego. Deste xeito, actuarán os grupos A Pedreira, Amigos do Folk, Catuxa Salom, Loita Amada, Lambe Lambe, Os do 21, Espera que vou mexar, Manu Kaso Aparte, Tecor Societário e Pakolas.

O festival contará con acampada e entrada de balde, e desenvolverase en dúas xornadas: 19 de xullo pola tarde-noite e 20 de xullo durante toda a xornada. O venres celebrarase a tradicional cea de irmandade; e o sábado ademais dos concertos haberá xogos interxeracionais, obradoiros e actuacións cómicas ou teatrais, dirixidas a todos os públicos.

A organización poñerá a disposición dos asistentes servizo gratuíto de autobús para facilitar os desprazamentos e evitar conducir e aparcar a altas horas.

0.18101787567139