O Festival Aturuxo regresa a Bravos os días 18 e 19 de xullo con música, tradición e convivencia

Bravos prepárase para acoller unha nova edición do Festival Aturuxo, que terá lugar os días 18 e 19 de xullo. Esta XIII edición promete manter o seu carácter familiar, inclusivo e próximo, consolidándose como un evento onde a cultura galega e a diversidade son as protagonistas.
Ao longo do festival, os asistentes poderán gozar dunha programación variada que incluirá concertos, xogos populares e un tradicional torneo de billarda. Ademais, a entrada e a acampada serán totalmente gratuítas, favorecendo a participación de todo tipo de públicos.
O Festival Aturuxo aposta pola posta en valor do rural galego, servindo de punto de encontro interxeracional para compartir experiencias e concienciar sobre a importancia de coidar o patrimonio sociocultural e ambiental. Toda a información está dispoñible na súa web oficial: festivalaturuxo.gal.