O Festival Aturuxo regresa a Bravos esta fin de semana co seu espírito combativo e inclusivo

AMariñaXa
A cita, que se celebrará o 18 e 19 de xullo en Ourol, reunirá artistas como Belém Tajes, Zeltia Irevire, Filophóbicas ou O Sonoro Maxín, cunha programación que aposta pola música de raíz, a diversidade e a defensa do territorio
2-festival-aturuxo-outras-edicions
17 Jul 2025

A parroquia de Bravos, no concello de Ourol, ultíma xa os preparativos para acoller a décimo terceira edición do Festival Aturuxo, que terá lugar os días 18 e 19 de xullo. O evento, plenamente consolidado como unha das referencias culturais da Mariña lucense, destaca polo seu carácter familiar, o seu compromiso coa cultura galega e a súa aposta pola diversidade artística.

O anuncio oficial desta nova edición tivo lugar na Sacabeira, en Sargadelos (Cervo), nun acto que contou coa presenza da deputada provincial Carmela López Moreno e da presidenta da Asociación Cultural Aturuxeiros, Carmen Rivera Vidal, entidade organizadora do festival. A Deputación de Lugo colabora co evento cunha achega de 5.000 euros, reafirmando así o seu apoio á cultura de proximidade e á dinamización do medio rural.

Desde a organización explican que o Aturuxo non é só un encontro musical, senón “un espazo de celebración colectiva, de defensa da lingua, da natureza e do territorio”, no que se conxugan as actuacións en directo con outras propostas culturais para todas as idades. “Queremos que siga sendo un festival con raíces e proxectado cara o futuro”, subliñan.

A primeira tanda de artistas confirmados promete un cartel cheo de forza e autenticidade. Entre os nomes destacados figura Zeltia Irevire, quen presentará en Bravos o seu primeiro disco, Vacaloura. Cun estilo que ela mesma define como folk tribal, combina instrumentos tradicionais –como o bouzouki, o bodhran ou o violín– con bases electrónicas, nun espectáculo que vai máis alá da música: “É un acto de reivindicación da identidade e da conexión coa terra”, apunta a artista.

Outra das grandes voces galegas que se suman ao cartel é Belém Tajes, coñecida pola súa traxectoria en grupos como Luar na Lubre, Aliboria ou Moura. Nesta ocasión, chega ao Aturuxo cun proxecto en solitario no que mestura sons latinos, pop e tradición oral, baixo o paraugas do seu primeiro traballo discográfico, Amar o Mar, considerado o primeiro “ecodisco” galego. A proposta é, segundo Tajes, “unha travesía musical que fala do coidado do planeta, da beleza e da emoción”.

Completan esta primeira rolda de confirmacións as Filophóbicas, unha banda que leva desde 2016 abaneando o panorama alternativo galego coa súa fórmula de punk directo e sen adornos. Con tres discos publicados e un cuarto en preparación, ofrecen letras afiadas, retranca galega e unha posta en escena contundente. “Non facemos bises, non facemos versións, e cantamos coas vísceras”, advirten.

Tamén subirán ao escenario O Sonoro Maxín, veterana banda formada por integrantes de Lamatumbá e Mutenrohi, cun repertorio de ritmos tropicais e letras festivas e combativas. Chegan a Bravos co seu novo disco, A primavera ten que ser nosa, definido pola organización como “unha festa de baile, alegría e loita colectiva”.

Ademais da música, o festival ofrece un programa con actividades complementarias pensadas para todos os públicos, mantendo a súa vocación de encontro comunitario. Desde a organización insisten en que o Aturuxo continúa a ser “un espazo feito desde a veciñanza, con espírito rural e reivindicativo, onde o importante é compartir, crear e gozar en colectividade”.

Desde a súa orixe como iniciativa popular, o Festival Aturuxo mantense fiel aos seus principios fundacionais: apoiar a cultura feita desde o territorio, poñer en valor a lingua galega e ofrecer un espazo accesible e diverso. Nesta nova edición, aspira a medrar sen perder o seu carácter íntimo e combativo.

⚙ Configurar cookies
0.16199493408203