O Festival Aturuxo en Bravos regresa con forza e compromiso

Bravos, na parroquia de Ourol, xa se prepara para recibir unha nova edición do Festival Aturuxo, que celebrará os días 18 e 19 de xullo a súa décimo terceira edición. Consolidado como unha cita cultural que combina proximidade, espírito familiar e inclusividade, o Aturuxo continúa a afondar na súa defensa da diversidade e do patrimonio cultural galego a través da música.
As primeiras confirmacións do cartel avanzan unha programación de calidade, chea de enerxía e compromiso. A primeira en anunciarse foi Zeltia Irevire, artista que crea un estilo propio ao que chama Folk Tribal, onde os sons tradicionais –como o bodhran, o bouzouki, a caixa de pementón ou o violín– danse a man con texturas electrónicas. Presentará no festival o seu primeiro LP, Vacaloura, xunto cun repertorio renovado. A súa proposta musical, profunda e combativa, pretende ser moito máis ca un concerto: é un acto de reivindicación da identidade, da natureza e do territorio.
Outra das grandes artistas confirmadas é Belém Tajes, unha das voces máis recoñecidas da escena galega actual. Logo de pasar por formacións tan emblemáticas como Luar na Lubre, Aliboria ou Moura, chega en solitario ao Aturuxo cun espectáculo onde conflúen o tradicional, o pop e os sons latinos. Trae consigo Amar o Mar, o primeiro “ecodisco” galego, un traballo que propón unha travesía musical cargada de sensibilidade, luminosidade e mensaxe ecolóxica.
Completa esta primeira tanda de artistas Filophóbicas, un trío que leva desde 2016 facendo tremer o panorama alternativo galego con letras afiadas, retranca sen concesións e unha posta en escena chea de potencia. Con tres discos publicados e un cuarto en preparación, subirán ao escenario de Bravos coa súa fórmula de punk reivindicativo, sen versións, sen bises e con berros que nacen da lingua, da forza e da resistencia.
Tamén confirmaron a O Sonoro Maxín, unha banda formada por músicos de Lamatumbá ou Mutenrohi, e que leva máis de 15 anos enriba dos escenarios. Traerán o seu novo disco "A primavera ten que ser nosa", unha festa de ritmos tropicais, baile e loita.
Desde a organización do festival destacan que esta nova edición manterá o espírito próximo que define o Aturuxo: un evento para todos os públicos, onde a música é só o comezo dunha experiencia que aposta pola cultura feita desde o territorio, con raíz e sen renunciar ao futuro.