O Festival Atlántica recalará en Mondoñedo

AMariñaXa
Por primeira vez nas súas nove edicións, o Festival Atlántica recala no Concello de Mondoñedo, a onde levará dous espectáculos dos galegos
festival atlantica 2021 1
30 Xuño 2021

Por primeira vez nas súas nove edicións, o Festival Atlántica recala no Concello de Mondoñedo, a onde levará dous espectáculos dos galegos Celso F. Sanmartín e Larraitz Urruzola. Todas as funcións son gratuítas, pero para asistir cómpre reservar previamente no teléfono da Oficina Municipal de Turismo (982 507 177). As actividades son posibles grazas á Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e mais o Concello de Mondoñedo.

A primeira actividade será o xoves 1 de xullo, a partir das 21:30 horas, na Ponte do Pasatempo. Alí a voz de voz de Celso F. Sanmartín debullará as historias que se agochan baixo o suxestivo título de ‘Cando viaxou unha lingua de lume nun carro de herba seca?’, un espectáculo dirixido ao público adulto. Serán 75 minutos na compaña duns dos narradores galegos máis recoñecidos, apaixonado da tradición oral e fervoroso transmisor dela.

Celso Fernández Sanmartín é un poeta e contacontos galego. É licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela e tamén promotor de FoCuCu (Foro de Cultivos Culturais). Como contacontos, caracterízase polo seu labor como recolledor e reinventor de historias e contos. O seu repertorio está composto por historias e memorias vencelladas á tradición oral galega e tamén á europea, que presenta como un verdadeiro tesouro nos seus espectáculos, cheos de coidado, sentido e paixón pola oralidade, a comunicación e a lingua.

Uns días máis tarde, o sábado 10 de xullo, os máis pequechos e as súas familias van ter a oportunidade de gozar coa ‘Festa dos monicreques’ de Larraitz Urruzola. O espectáculo será no Alfar dos Muíños e comezará a partir das 19 horas. A posta en escena desta función bebe da cultura popular, dos mecanismos e materias propias dos brinquedos tradicionais, dos cantos e da narración oral. A madeira, as teas e a herba trenzada están nos monicreques que usa neste espectáculo e onde tamén se atopan poemas de Rosalía de Castro e cancións populares.

Larraitz Urruzola é actriz e creadora de propostas escénicas para público infantil e familiar dende o ano 1989. De formación autodidacta e cun longo percorrido por varias compañías profesionais de teatro e monicreques, destaca pola súa capacidade de conexión e comunicación co público. Domina varias técnicas de manipulación de monicreques para as artes escénicas e mais para o formato audiovisual. Destaca pola versatilidade estética e pola súa variada tipoloxía da voz á hora de proxectar as súas personaxes.

Actualmente forma parte tamén da compañía Babaluva e mantén asemade entidade propia como contadora e monicrequeira con montaxes como ‘A viaxe de Rosalía’, ‘Dona Barriga Verde’ ou ‘O crebanoces’ e cunha colección de espectáculos de narración oral baixo o paraugas dos Babacontos.

festival atlantica 2021
0.15194702148438