O Festival Abanea aterrará o día 26 en Foz

Foz
AMariñaXa
O Festival Abanea celebrará entre o 26 e o 30 de xullo a súa segunda edición cun programa de danza que inclúe Foz.
festival abanea 2023
13 Xul 2023

O Festival Abanea celebrará entre o 26 e o 30 de xullo a súa segunda edición cun programa de danza que distribuirá 15 funcións de 10 compañías entre varios concellos de Galicia entre o que se inclúe Foz.

Foz marcará o inicio desta segunda edición o 26 de xullo, coa exhibición na praza do Conde Fontao das pezas Vestirme de ti, da bailarina galega Nuria Sotelo xunto a Clara Ferrão; A raíz, do porriñés Daniel Rodríguez, e Human 21, da catalá Sandra Macià.

A actividade en Foz incluirá tamén o obradoiro-espectáculo de Marta Alonso Tejada Discoteca de Señoras e a Pista de baile, actividade de mediación co público. Estas dúas accións reproduciranse en todas as localidades implicadas.

Xusto ao día seguinte, o 27, Abanea trasládase a Outes para amosarlle ao seu público The Sad-mad method, obra da catalá Carla Sisteré, xunto aos espectáculos xa amentados de Nuria Sotelo e Daniel Rodríguez. Alejandra Balboa será quen se encargue de impartir un obradoiro de danza familiar, que tamén se repetirá nas seguintes citas.

Gondomar distribuirá o seu cartel entre o venres 28 e o sábado 29. Neses días, pola praza de Rosalía pasarán —ademais das obras de Sotelo e Rodríguez— Minguates, da compañía galega Entremans; Proserpina, da madrileña La Mínima; Samsara, dos estremeños Chey Jurado e Javito Mario, e Me fui con tu nombre, do colectivo No man’s land cíe que aglutina artistas procedentes de Ecuador e Túnez.

Finalmente, Allariz poralle o ramo á segunda edición de Abanea o 30 de xullo coas compañías La Incendiaria, que estreará Sun Dogs, espectáculo resultante do programa de apoio de creación artística de Abanea 2022-23; Me fui con tu nombre, dos xa citados No man’s land cíe, e Otempodiz, da vasca Ertza.

0.20563411712646