O Faro de Roncadoira en Xove conta cun novo radar marítimo

AMariñaXa
O novo radar do Faro de Roncadoira ten como fin contribuír a controlar o tráfico do porto de Alcoa e os fondeadeiros de San Román
novo radar Faro Roncadoira Xove
15 Xuño 2022

O novo radar do Faro de Roncadoira ten como fin contribuír a controlar o tráfico do porto de Alcoa e os fondeadeiros de San Román, na ría de Viveiro e dos Farallóns, fronte a San Cibrao.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu xunto co presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, á presentación do novo radar do Faro de Roncadoira instalado pola Autoridade Portuaria para controlar o tráfico do porto de Alcoa e os fondeadeiros de San Román, na ría de Viveiro e dos Farallóns, fronte a San Cibrao. Alí a titular de Mar puxo de relevo o importante labor que con este sistema realiza a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao a prol do control do tráfico marítimo e do incremento da seguridade na navegación.

As actuacións realizadas para a posta en marcha da estación de radar supuxeron un investimento total de máis de 355.000 euros, cofinanciados co Fondo de Compensación Interportuario. Con elas, especificou Rosa Quintana, auméntase a seguridade marítima na zona. Nesta liña, destacou a aposta que realiza a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao polas novas tecnoloxías para mellorar a navegación nas augas da súa área de influencia e puxo de relevo a vontade desta entidade por optimizar a ordenación do tráfico portuario.

De feito, o obxectivo deste radar é que desde o Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo na Coruña teñan a información sobre a ubicación exacta das embarcacións que naveguen baixo a responsabilidade da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. Para iso, este servizo brinda imaxe real do tráfico nestas augas, o que facilita a coordinación e control do tráfico portuario marítimo que realiza Salvamento Marítimo do Estado (Sasemar) en nome das autoridades portuarias.

Pola súa banda, o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, subliñou a vontade desta entidade para investir os recursos en función das necesidades detectadas en cada momento. Isto é un exemplo, engadiu, de que a Autoridade Portuaria cumpre e reafirma ese compromiso, non só co porto de San Cibrao, senón con toda a Mariña lucense coa que segue e seguirá implicada co afán de contribuír ao desenvolvemento da zona, estratéxica para esta Autoridade Portuaria e para toda Galicia.

ACTUACIÓNS REALIZADAS

Para asegurar a axeitada transmisión de sinal do radar ata o Centro de Coordinación de Salvamento instalouse fibra óptica ata o Faro de Roncadoira. Ademais adecuouse a caseta que está a carón do faro e converteuse en centro de procesamento de datos que alberga os equipos de comunicacións, servidores e cadros eléctricos, entre outros elementos.

Tamén se licitou o subministro e instalación dos equipos que conforman a estación radar (antena, radar, procesadores de radar, estación base AIS -Sistema de Identificación Automática-, estación meteorolóxica e cámara de alta resolución de vixilancia). Isto complementa ás emisoras do porto de San Cibrao que permiten comunicarse directamente cos buques vía VHF (alta frecuencia). Esta sinal transmítese ao integrador de comunicacións do Centro de Coordinación de Salvamento.

A maiores, en conxunto, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao dispón dun sistema de axuda á navegación marítima que se compón de nove faros automatizados, monitorizados e telecontrolados e 146 sinais situadas ao longo da costa que transcorre desde a ría de Ares ata a ría de Ribadeo.

O Faro de Roncadoira está situado na parroquia de Portocelo (San Tirso, Xove) comezou a alumear en 1986 e construíuse como un enlace entre os faros de San Cibrao e Estaca de Bares. É unha torre cilíndrica de 12,7 metros de altura e 3 metros de diámetro, conta cunha lanterna e lámpadas halóxenas e acada as 21 millas.

novo radar Faro Roncadoira Xove 3
novo radar Faro Roncadoira Xove 2
novo radar Faro Roncadoira Xove 1
0.19603085517883