O Faio de Generosa volverá converter Xove nun escaparate do comercio local polo Nadal

Xove prepárase para vivir unha nova edición do Faio de Generosa, o Mercado de Nadal que nace coa vontade de poñer en valor o talento, a creatividade e a calidade das pequenas empresas do municipio e da contorna, ao tempo que promove que o comercio de proximidade sexa a primeira opción nas compras destas datas tan sinaladas. A iniciativa consolídase así como un punto de encontro entre emprendedores, veciñanza e visitantes, cun marcado carácter social e identitario.
O II Mercado de Nadal de Xove está organizado polo departamento de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello e desenvolverase os días 20 e 21 de decembro de 2025 na Oficina de Turismo. O mercado abrirá as súas portas en horario de mañá e tarde, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas, ofrecendo unha ampla variedade de produtos e experiencias vinculadas ao Nadal.
Nesta edición participarán Panadería Maral, Lebre de Abril, Estética Marta, A Repulida, Miña Rula, Glarual Ecoshop e Mel do Sierra, sete proxectos que representan diferentes sectores e que teñen en común o seu compromiso coa calidade, a proximidade e o traballo artesanal. O público poderá coñecer de primeira man as historias emprendedoras que hai detrás de cada posto, nun mercado que aposta polo trato directo e pola creación de vínculos entre produtores e consumidores.
A programación arrancará o sábado 20 ás 11.00 horas coa inauguración oficial, a cargo da concelleira de Cultura, Dolores Meitín, seguida dunha visita guiada polos postos, na que cada persoa emprendedora explicará o seu percorrido e a súa proposta. Esa mesma tarde, ás 18.00 horas, un misterioso personaxe chegado do ano 1925 percorrerá o mercado na procura de Generosa Villalba, introducindo un elemento teatral e simbólico que conecta o evento coa memoria histórica local.
O domingo 21 continuará esta visita especial ás 11.00 horas e, ás 12.30, terá lugar a actuación de Xaora Cantareiras, que ofrecerán cantares de Reis, reforzando o ambiente tradicional e festivo. A xornada pecharase ás 20.00 horas cun sorteo dun baúl con produtos dos diferentes postos do mercado. As rifas obteranse de xeito gratuíto con cada compra igual ou superior a 10 euros.
O Faio de Generosa complétase cunha programación paralela que implica tamén ao tecido local. Haberá obradoiros infantís de manualidades de Nadal, organizados por Coral Pardo Educación, con merenda incluída, que se desenvolverán tanto o sábado como o domingo en horario de tarde. Ademais, a hostalaría súmase á iniciativa con propostas específicas, como as Racións Generosa na Cafetería Antoxo e os Menús Generosa que se poderán degustar o domingo en A Fuga e no Bar Pepe.
O nome do mercado non é casual. En Xove, o faio —ou faiado— é ese espazo situado baixo o tellado no que se gardan obxectos cheos de historia, memoria e valor sentimental. Ese mesmo espírito é o que se quere trasladar ao mercado: respecto polo pasado, creatividade, agarimo, identidade e coidado mutuo.
A figura de Generosa Villalba Balsa dá sentido a todo o proxecto. Nacida en 1862 nun Xove rural e empobrecido, viviu nunha posición acomodada grazas á fortuna que seu irmán Manuel fixo na emigración. Lonxe de pecharse nese privilexio, Generosa dedicou boa parte da súa vida a axudar ás familias máis necesitadas, repartindo alimentos, roupa, cartos, libros e mesmo árbores froiteiras. A súa especial sensibilidade co Nadal levouna a impulsar iniciativas solidarias como o reparto das mazás de Noiteboa ou o aguinaldo de Reis, co que moitos fogares podían afrontar mellor unhas datas difíciles. Falecida en 1926, a súa memoria segue viva en Xove, tamén a través deste mercado que leva o seu nome e o seu legado.