O ex presidente da República de Cabo Verde, Pedro Pires, visitará Burela
O alcalde de Burela, Alfredo Llano, recibirá este sábado ás 19 horas na Casa do Concello ao ex presidente da República de Cabo Verde, Pedro Pires, unha figura fundamental na independencia deste país e un referente galardoado pola boa gobernanza e a consecución de dereitos para os colectivos máis vulnerables, defensor do diálogo e a cooperación entre as culturas dos distintos pobos.
Alfredo Llano informou desta visita reafirmando a boa relación existente entre o concello burelés e Cabo Verde, comunidade coa que se manterá un encontro despois da recepción institucional. “O 10% da nosa poboación é de orixe caboverdiana, unha representación importante que está totalmente integrada na actualidade e que xa forma parte do devir histórico do noso municipio”, subliñou o rexedor, engadindo que comparte a defensa dos valores de paz e cooperación do ex presidente Pires no que atinxe á “convivencia entre os pobos e culturas que Burela leva no seu ADN, unha realidade da que todos nos sentimos parte, contribuíndo ao enriquecemento mutuo e á ampliación de novos horizontes culturais e sociais que filtrarán de xeración en xeración”. Ademais, o alcalde pon de relevo “o paradigma que sentou Pedro Pires para todo o mundo, sentando as bases para a negociación pacífica e conciliadora fóra do marco dos conflitos bélicos que aínda hoxe estamos a vivir”.
Acompañando ao que foi presidente de Cabo Verde entre 2001 e 2011, así como primeiro ministro de 1976 a 1988, estarán distintos membros da Fundación do Instituto Pedro Pires para a lideranza, organismo que preside e leva o seu nome. Ademais, estarán presentes o Director do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), Carlos Vales, así como a concelleira de Inmigración, Cooperación e Integración do Concello de Burela, Noelia María Ben e o tenente de alcalde, Ramiro Fernández.
PEDRO PIRES
Pedro Verona Rodrígues Pires, Presidente da República de Cabo Verde entre os anos 2001 e 2011, é o actual Presidente da Fundaçao Amilcar Cabral e do Instituto Pedro Pires para a Liderança. Foi combatente abnegado pola causa da liberdade do seu pobo e dos pobos africanos. Mantívose, porén, sempre partidario fiel da paz, de solucións negociadas dos conflitos e de relacións pacíficas e cooperativas entre os países e pobos do planeta. Liderou negociacións que conduciron á independencia do seu país, o 5 de xullo de 1975.
Apoiou con firmeza as loitas de liberación que conduciron á independencia dos pobos do Zimbaué e da Namíbia e a abolición do réxime do apartheid na África do Sul. Como home de estado, tense distinguido como un político moderado, tolerante, partidario da paz e defensor dos dereitos humanos. Tamén ten traballado pola ampliación e intensificación de relacións de amizade e cooperación entre Cabo Verde e os Estados Africanos. Firme defensor do estado de dereito, no plano internacional sempre defendeu unha ONU interventora e garante da paz mundial e da legalidade internacional.
Co seu bo facer, Cabo Verde chegou a ter un dos mellores índices de desenvolvemento humano en África, con grandes ganancias nos dominios da seguranza alimentaria, da saúde, da educación, da formación e alfabetización, da mellora das condicións de vida das poboacións e da defensa na igualdade de dereitos entre homes e mulleres, así como da protección do medio ambiente.
No ano 2011, Pedro Pires foi galardoado co Premio Mo Ibrahim pola boa gobernanza, nomeamento que distingue aos mellores líderes políticos, premio que comparte con Nelson Mandela, entre outros.