O eurodiputado Nicolás González di que a Xunta actuou con “falta de transparencia” para combater o vertido de granulados plásticos
O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, censurou que a Xunta de Galicia actuou con “negación, desidia, falta de transparencia e mentira” para combater a contaminación provocada polo vertido de pellets que está a afectar á costa galega desde o pasado mes de decembro.
Durante o debate na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento Europeo da proposta de regulamento relativo á prevención das perdas de granulados de plástico para a reducir a contaminación por microplásticos, González Casares cargou contra a xestión “nefasta” do Goberno galego, que negou a existencia dun “problema real”. “Tan real que o que hoxe estamos debatendo aquí é o problema da contaminación por plástico, a contaminación por estes vertidos de granulados no mar”, precisamente ao que trata de poñer couto a proposta de regulamento europeo, cuxo poñente parlamentario é o eurodeputado socialista portugués Joao Albuquerque.
A este respecto, Casares valorou as emendas propostas polo poñente socialista dado que aumentan a ambición da proposta da Comisión ao introducir, por exemplo, a obriga de restauración dos ecosistemas afectados cando se produzan vertidos, ao cubrir o conxunto do transporte, e ao ampliar o ámbito de aplicación cubrindo un maior número de empresas. Nese sentido, o eurodeputado galego deplorou que a poñente do Partido Popular Europeo criticara esta aposta dos socialistas, advertíndolle de que hai que ter empatía cos afectados por este tipo de vertidos: “En lugar de poñerse do lado da protección daqueles que poden contaminar o que temos é que poñernos a combater a contaminación en calquera momento, non pensar en protexer as actividades daqueles que poden contaminar”.
González Casares aproveitou o debate para anunciar que presentará emendas para reforzar o regulamento, por exemplo para establecer a suspensión da actividade dun operador cando o dano polos vertidos sexa grave ou moi grave ou para impoñer a xeolocalización dos contedores de pellets, de maneira que se faciliten as operacións de prevención e loita contra a contaminación.
“Sabemos que hai un problema de xestión da Xunta de Galicia, pero iso non debe apartarnos do noso obxectivo final, que é prever e combater esta contaminación, que ademais pode ter efectos tóxicos e iso estívoo negando durante semanas o Goberno galego”, concluíu.