O eurodeputado Francisco Millán Mon visitou o IES Ribadeo Dionisio Gamallo

AMariñaXa
Na súa charla co alumnado de Secundaria e Bacharelato o eurodeputado presentou a realidade política europea desde unha triple vertente
eurodeputado-Francisco-Millán-Mon-IES-Ribadeo-Dionisio-Gamallo
5 Out 2024

Como inicio dun novo curso no IES Ribadeo Dionisio Gamallo como Escola Mentora das Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo, no insituto acolleron a visita do eurodeputado Francisco Millán Mon, un dos máis curtidos dos nosos políticos en Europa cunha dilatada e activa carreira na defensa dos valores que nos confiren unha identidade común que transcende as nosas fronteiras xeográficas.

Francisco Millán Mon é licenciado en Dereito e ingresou na carreira Diplomática en 1980 desempeñando diversos postos. Conta cunha ampla experiencia nas institucións europeas, xa que é eurodeputado desde o ano 2004, ocupando, entre outras, responsabilidades como membro das comisións de Asuntos Exteriores e Pesca, ou como presidente do Intergrupo 'Patrimonio Cultural Europeo, Caminos de Santiago y otras Rutas Culturales Europeas'. En xaneiro de 2022 ascendeu á categoría de embaixador de España.

Na súa charla co alumnado de Secundaria e Bacharelato o eurodeputado presentou a realidade política europea desde unha triple vertente: desde o plano lexislativo, aclarando e distinguindo o proceder normativo europarlamentario e as distintas fases polas que deben pasar os trámites para garantir ecuanimidade e seguridade antes de pasar á práctica, subliñando así ao alumnado a esencia lexislativa das institucións europeas; desde o plano de traballo diario, remarcando a importancia que para Galicia ten a voz dos e das que coñecen e defenden os nosos intereses non só entre os nosos países veciños senón tamén ante a competitividade e a avidez económica doutros competidores lonxanos; e un terceiro plano de valores e ideais de identidade e cultura compartida, que unen na diversidade a toda a cidadanía, e que nos comprometen na procura dun futuro en paz e progreso.

As palabras de Francisco Millán Mon, cercanas e acertadas, mantiveron ao alumnado atento e receptivo durante a hora que compartimos no salón de actos do centro, co profesorado, o director e o coordinador de programas internacionais.

0.093868970870972