O estadio de Cantarrana levará o nome de Kiko Rey a partir deste sábado

O campo municipal de Cantarrana será rebautizado este sábado como estadio Kiko Rey, en honra ao mítico xogador viveirense que marcou unha época no fútbol local e chegou a competir na Primeira División. A homenaxe celebrarase o 2 de agosto ás 18.30 horas, media hora antes do comezo do encontro entre o Racing de Ferrol e o Real Madrid Castilla, no marco do Memorial Luís de Carlos.
Este recoñecemento institucional foi aprobado por unanimidade no Pleno do Concello de Viveiro do pasado 13 de maio, no que todas as forzas políticas coincidiron na relevancia de pór en valor a figura dun dos deportistas máis emblemáticos da vila.
A alcaldesa, Mariña Gueimunde, destacou a profunda pegada que deixou o homenaxeado tanto dentro como fóra do terreo de xogo. “Kiko Rey é unha persoa moi estimada por toda a veciñanza e a súa traxectoria está gravada na memoria colectiva de Viveiro. A partir de agora, o seu nome tamén quedará vinculado para sempre ao estadio da súa cidade”, afirmou.
O cambio de nome do campo supón un xesto de recoñecemento a unha vida dedicada ao deporte e reforza a identidade futbolística do municipio, honrando a quen foi referente para varias xeracións de xogadores e se gañou o respecto e admiración do público.