O espectáculo Don Gaiferos representarase este sábado en Burela
A Delegación de Cultura do Concello de Burela anuncia o espectáculo Don Gaiferos da recoñecida compañía compostelana Monicreques de Kukas, que se representará este sábado 29 de outubro na Casa da Cultura.
Esta obra apta para todos os públicos, familiar, infantil e adulto, narra con títeres de fíos e música en directo a viaxe do peregrino francés Don Gaiferos de Mormaltan, baseándose no romance popularizado por Faustino Santalices e incorporando cancións de tradición galega.
O edil de Cultura, Jose Díaz, animou a acudir este sábado “a descubrir o show de monicreques máis espectacular que pasou por Burela”, afirmando que os asistentes “non se arrepentirán de desfrutar desta representación teatral de gran calidade”.
SINOPSE
A obra comeza cunha introducción musical na que un cego e a súa lazariña cantan o Romance de Don Gaiferos.
Mentres aparece en escena o protagonista que atopa no seu camiño ao Apóstolo Santiago encarnado nun soldado das Cruzadas e co que compartirá algúns momentos do seu peregrinar.
Despois de moitas aventuras, o vello peregrino chega ata o Pórtico da Gloria e, como era o seu desexo, morre aos pes do Apóstolo…
Este é un dos moitos milagres que Santiago Apóstolo fai!