O Espazo Cultural Portas Ártabras acolle un acto poético e musical sobre Luz Pozo Garza e a herdanza céltica

AMariñaXa | ACoruñaXa
A Asociación de Amigos dos Museos de Galicia organiza o evento que se celebrará o xoves 17 de xullo ás 20.00 horas
Luz-Pozo-Garza
16 Jul 2025

A Asociación de Amigos dos Museos de Galicia e o Espazo Cultural Portas Ártabras preparan para o xoves 17 de xullo ás 20 horas un acto dedicado á poeta Luz Pozo Garza baixo o título “Ecos da herdanza céltica Galicia e Irlanda: viaxe poética / musical nas arpas de Iwerddon de Luz Pozo Garza”.

No evento participarán Olivia Rodríguez González, Mónica Vázquez (O’Reilly), Xoán Piñón, Fran Castro e Felipe Senén, que combinarán poesía e música en homenaxe á escritora.

Luz Pozo Garza, nacida en Ribadeo en 1922 e finada na Coruña en 2020, foi unha das voces máis destacadas da literatura galega do século XX, recoñecida pola súa renovación na forma e na temática. Entre as súas obras sobresae Códice Calixtino (1986). Foi galardoada coa Medalla Castelao en 1995 e formou parte da Real Academia Galega desde 1996, desempeñando o cargo de vicesecretaria entre 1997 e 2001. En 2007 foi proposta para o Premio Nobel de Literatura pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. A súa poesía foi traducida a varios idiomas, como o castelán, portugués, francés, inglés, alemán e xaponés, entre outros.

O acto pretende resaltar o legado de Luz Pozo Garza e o vínculo cultural entre Galicia e Irlanda a través da poesía e a música.

⚙ Configurar cookies
0.14102506637573