O equipo de Goberno de Lourenzá afea ao PP por non asisitir á comisión económica
O equipo de Goberno de Lourenzá considera pouco crible o ofrecemento do Partido Popular laurentino de colaborar na elaboración dos orzamentos. Baséanse para afirmar isto en que “o seu voceiro nin sequera asistiu á comisión económica onde se presentaron antes de levalos ao pleno municipal. Ademais cando asiste a estas comisións non aporta absolutamente nada, limitándose a levar ao pleno a resposta escrita ao ditado”.
O goberno municipal aclara que “o señor Rodríguez falta á verdade cando afirma que o goberno local subiu os impostos municipais, cando foi todo o contrario. Non se cobraron as taxas por terrazas aos locais de hostalería, baixouse o prezo da recollida de lixo, reduciuse o IBI das explotación agrarias, etcétera. Desde que goberna o Partido Socialista (ano 2015) non se subiu ningún imposto municipal. Acórdase o voceiro popular na nota de prensa da RPT dos traballadores do Concello, pero non o fixo no pleno municipal, onde se lle informaría que está na última fase, despois de seren estudadas e resoltas as reclamacións co beneplácito das organizacións sindicais. Se tan urxente era para o Partido Popular a RPT por que non a elaborou mentres gobernaron Lourenzá? Tempo tiveron dabondo. E non se acordou o señor Rodríguez no seu escrito de falar das estradas e camiños municipais. Será porque todo o mundo recorda o estado no que se atopaban cando nolos deixaron en herdanza. Debera darlles vergoña e medirse máis á hora de criticar o traballo dos demais. Todos os veciños e veciñas do concello sabían cando estaban cerca as eleccións municipais porque vían como quince días antes aparecían as máquinas tapando algún que outro bache”.
O equipo de goberno laurentino engade: “queixase o voceiro popular de que se privatizou algún servizo municipal. Que saiba que a este equipo de goberno gústalle o público e que está en contra das privatizacións. Todos os servizos que están privatizados no Concello son obra do Partido Popular. O goberno de Lourenzá está disposto a apoiar calquera iniciativa que propoña o grupo popular a favor de desprivatizar todos os servizos municipais que na actualidade están con concesións a empresas privadas. Queremos facelo por consenso, polo que animamos ao señor Rodríguez a que presente a proposta ao pleno e contará co noso apoio e seguramente tamén co do grupo nacionalista”.
O goberno municipal tamén manifesta que “mente o voceiro popular cando fala do gasto que supón pagar aos membros do equipo de goberno. A cifra á que se refire o señor Rodríguez inclúe o salario da alcaldesa, a dedicación parcial do tenente alcalde e as retribucións a todos os concelleiros e concelleiras por asistencia a plenos e comisións. Aquí tamén está incluído o que perciben os concelleiros populares. Que saiban que non é obrigatorio cobralas, poden renunciar a elas cando queiran, sería un aforro para as arcas municipais”.
Os gobernantes locais de Lourenzá engaden que “aínda que non o menciona no escrito, o voceiro popular rematou a súa intervención no pleno facendo unha crítica velada á actuación da orquestra Panorama programada para o 14 de abril pola Comisión de Festas do Conde Santo. Parece que ao señor Rodríguez non lle gusta moito esta iniciativa, pero pode ter a seguridade de que este equipo de goberno apoiará sempre as iniciativas promovidas polas distintas comisións de festas e asociacións do municipio”.
“E, por último, o que máis sorprende ao equipo de goberno é que o señor Rodríguez fale da falta de traballo por parte de goberno local, cando el como voceiro popular non presentou nin unha soa moción nos case tres anos que van de lexislatura; simplemente se limitou a asinar as mocións conxuntas que se presentaron a proposta do grupo socialista, como a de solicitar que o Día das Letras Galegas se lle dedique a Fernández del Riego. Parece que agora empeza a espertar, será porque xa queda un ano para as próximas eleccións e estará postulándose e facendo méritos para volver a ser o candidato popular. Desexámoslle moita sorte, vai necesitala”, remata o equipo de goberno laurentino.