O equipo de Alfonso Villares presenta un programa 'realista, factible e ilusionante' para Cervo

TerraChaXa | AMariñaXa
O equipo de Alfonso Villares fixo público o programa que deseñaron para os vindeiros catro anos e que está “articulado sobre os eixos principais da nosa Política e baseado en diferentes proxectos de futuro que nos gustaría poder materializar para que Cervo siga crecendo”.
20 May 2019

O equipo de Alfonso Villares fixo público o programa que deseñaron para os vindeiros catro anos e que está “articulado sobre os eixos principais da nosa Política e baseado en diferentes proxectos de futuro que nos gustaría poder materializar para que Cervo siga crecendo”.
A ampliación do Museo do Mar, a creación dunha vía alternativa de entrada e saída de Cervo, o aumento do Complexo Deportivo da Veiga, a eliminación dos esqueletos urbanísticos e a posta en valor do Castro da Atalaia; o remate da senda peonil entre Cervo e Sargadelos, a creación doutro novo trazado que conecte Sargadelos con San Ciprián ou a promoción de vivenda pública que favorece o asentamento da poboación; son algunhas das principais liñas de actuación que queren desenvolver os populares neste tempo.
Os servizos sociais e o fomento do emprego, tal e como precisou Villares, “tamén son dúas das nosas grandes prioridades e neste senso, queremos crear un centro de atención especializada, que traerá novas oportunidades laborais ao noso Concello”; ademais de continuar promovendo as bolsas de formación remunerada para a mocidade e impulsando o Centro de Emprendemento de Sargadelos; ademais tamén contemplamos incrementar as axudas ás diferentes asociacións e tamén para a dependencia.
O turismo - coa ampliación da área de autocaravanas, a potenciación das rutas naturais e o impulso do turismo rural-; o medio ambiente –reforzando o plan integral de reforestación con autóctonas e as campañas didácticas de reciclaxe e compostaxe doméstica-; o medio rural –seguindo a investir en materia de saneamento e  abastecemento de auga-; a cultura –coa programación continua de exposicións, eventos e concertos, e o impulso do asociacionismo, o I+D+I –traballando para que Cervo sexa un referente no desenvolvemento da tecnoloxía de drons-; o deporte –co apoio ás entidades deportivas e a aposta polas Escolas Deportivas Municipais- e a educación e a conciliación –contemplando a apertura da Escola Infantil Municipal os 12 meses, axudas directas á comunidade educativa e programas específicos de conciliación-; son outras das pedras angulares do proxecto liderado por Alfonso Villares.
O candidato á Alcaldía de Cervo apuntou que este programa “realista, factible e ilusionante”, que está asentado sobre unha base económica sólida froito dunha xestión municipal responsable, non é froito de ningunha improvisación, pois nace dunha preocupación e dun traballo día a día por Cervo, de traballar man a man coa veciñanza, de escoitala, e de recoller todas as súas inquedanzas para tentar construír sobre elas esas solucións e materializar eses proxectos que melloren o seu benestar”.
Ese é o noso compromiso cos cervenses, apuntou; “o meu e o de todas as persoas que me acompañan nesta candidatura, todos nós residentes no Concello de Cervo”; desde esta proximidade gustaríanos seguir traballando para que Cervo Creza, “incrementando os servizos públicos de calidade e velando pola igualdade de oportunidades”, sentenciou.

0.12635898590088