O Entroido toma as rúas da Mariña

O Entroido volverá ser no inverno de 2026 un dos grandes motores sociais e festivos da Mariña. Ata case finais de febreiro os concellos despregan unha programación ampla, diversa e pensada para todas as idades, na que se mesturan tradición, participación veciñal e unha aposta decidida pola rúa como espazo de encontro. A suma de actos, desfiles, concursos e propostas gastronómicas confirma que o Entroido segue a ser unha das celebracións máis vivas do calendario local, capaz de implicar a colectivos, asociacións e administracións nun proxecto común.
En Foz, a programación esténdese ata o 20 de febreiro e volve situar ao municipio como un dos referentes da comarca. O xoves de comadres, o 12 de febreiro, As Farangullas converteranse no fío condutor da xornada cunha exposición no CENIMA e a posterior cea de comadres na Sala Bahía, mentres que ao día seguinte serán tamén as encargadas de dar o pregón. O 14 de febreiro está chamado a ser o día máis intenso, con comezo ás 10.00 horas, animación continua e o gran desfile da tarde, no que se repartirán máis de 8.000 euros en premios. Pola noite, a festa trasládase novamente á carpa coa actuación de D’Cano e La Bamba, mentres que a entrega de premios se realizará xa de madrugada. As entradas terán un prezo de sete euros.
O domingo 15 será o día dos máis pequenos, cun baile infantil, xogos e a actuación de La Guagua, antes de pechar a xornada co Touporroutou no colexio Martínez Otero. O Entroido focense despedirase coa comitiva fúnebre e a tradicional queima.

En Burela, o Entroido 2026 desenvolverase entre os días 13 e 18 de febreiro cun programa que aposta claramente pola participación e polo uso do espazo público. O eixo central será o desfile do domingo 15, que partirá da rúa do Ril e rematará na Praza da Mariña, cunha chocolatada e música DJ como peche da xornada. A dotación en premios e vales de ACIA Burela ascende a 4.000 euros, repartidos en oito categorías diferentes. A programación complétase con actividades infantís, obradoiros, pintacaras e o tradicional enterro da sardiña, que poñerá o broche final ás celebracións.
Cervo aposta por un modelo descentralizado, con tres grandes desfiles repartidos entre Cervo, San Cibrao e San Román de Vilaestrofe. O domingo 15 de febreiro, Cervo abrirá o calendario cun desfile que partirá do colexio e rematará na carpa da Praza do Souto. A Charanga Os Macanudos e DJ Conxuro encargaranse da animación, mentres que os premios consistirán en pezas de cerámica de Sargadelos e cestas con produtos.
O martes 17, San Cibrao tomará o relevo cun desfile que repartirá 2.280 euros en premios. Ademais da música e do ambiente festivo, a cita terá un marcado carácter gastronómico grazas á participación da Comisión de Festas de Lieiro, que ofrecerá chocolate e produtos típicos. O Entroido cervense pecharase o sábado 21 en San Román de Vilaestrofe cun Entroido nocturno organizado pola Asociación Mulleres Rurais As Espalladoras.

Xove concentra a súa programación entre o venres 13 e o sábado 14 de febreiro, cunha clara aposta polo público familiar. O baile infantil do venres no Pavillón Municipal marca o inicio dun programa que culmina co gran desfile do sábado, animado pola Charanga Europa. A entrega de premios e a sesión da Disco Móbil Conxuro completan unha xornada na que se recoñecerán disfraces en múltiples categorías, así como premios especiais á orixinalidade ou á participación interxeracional.
Paralelamente, a Biblioteca Municipal promove unha nova edición do Concurso de Caretas do Entroido, dirixido á rapazada en idade escolar.
En Ourol, a parroquia de Bravos celebra o Entroido o domingo 15 de febreiro cunha proposta que combina festa e gastronomía. A Asociación de Veciños Irmáns Vilar Ponte organiza unha xornada que inclúe sesión vermú, xantar popular con cocido e baile da tarde. Desde a organización explican que “o Entroido tamén é sentarse á mesa e compartir”, subliñando o valor social deste tipo de encontros.
O Valadouro volverá ser outro dos puntos destacados do mapa festivo o domingo 15, cun desfile que percorrerá as rúas da localidade ata o Pavillón Municipal. O Concello repartirá premios en categorías infantís e adultas, cunha dotación que vai desde os 50 euros ata os 300, ademais dun premio específico á mellor coreografía. O martes 17, o Entroido Infantil ocupará o pavillón con xogos, inchables e actividades pensadas para a rapazada.
O Entroido chega a Mondoñedo cun amplo programa de actividades para todos. A celebración arrinca o sábado 7 de febreiro co IV Cocido e baile “O Pasatempo” na Finca San Antonio, amenizado polo Dúo Epo-K e o Trío Merengue. O venres 13 terá lugar a tradicional Cea de Comadres no Círculo Recreativo Casino, mentres que o martes 17 será a quenda dos máis pequenos cos bailes infantís tamén no Círculo. O punto culminante das festas será o sábado 21, coa saída do gran desfile de Entroido ás 17.30 horas desde o Campo dos Paxariños ata a praza da Catedral. Na praza do Concello celebrarase un baile de disfraces e a entrega de premios, e posteriormente terá lugar o Baile de Piñata no Círculo Recreativo Casino. Como en anos anteriores, os participantes poderán gañar ata 5.000 euros en premios, mantendo a tradición e a emoción que caracterizan o Entroido mindoniense.
O Entroido chega tamén aos máis pequenos de A Pontenova. O día 15 de febreiro, ás 17.00 horas, o pavillón Tito Margaride converterase nun espazo de diversión con xogos, música e baile para toda a infancia. A cita está organizada pola CIT A Pontenova, coa colaboración do Concello, que busca ofrecer unha actividade lúdica e participativa para os nenos e nenas da vila. Durante a tarde, os participantes poderán gozar de diferentes xogos e animacións musicais, nun ambiente festivo que se enmarca nas celebracións de Entroido.

En Alfoz, o Entroido celebrarase o luns 16 de febreiro no Pavillón Municipal, cun desfile nocturno e un concurso con categorías para todas as idades. O Concello subliña que os premios, que chegan ata os 300 euros, buscan “recoñecer a creatividade e o esforzo colectivo”, cun xurado que valorará a posta en escena e a orixinalidade.
Lourenzá pechará o seu Entroido o 22 de febreiro co tradicional Domingo de Piñata. O desfile, que sairá ás 16:30 horas, repartirá máis de 5.000 euros en premios e contará coa animación de Puzzle Animación. Desde a organización destacan que se trata dunha cita “imprescindible no calendario comarcal”, cun alto nivel de participación.
En Riotorto celebrarase o seu Desfile de Entroido o sábado 7 de febreiro ás 17.30 horas desde a Casa da Cultura. O Concello repartirá contías económicas en practicamente todas as modalidades, cun concurso estruturado para público infantil e adulto, en categorías individuais, por parellas e en grupo, diferenciando tamén entre formacións medias e grandes. No apartado infantil, os premios alcanzan ata os 250 euros nos grupos, mentres que en adultos as agrupacións máis numerosas poderán optar a galardóns de ata 350 euros. A organización reserva tamén unha dotación específica para carrozas, charangas e comparsas, con premios que chegan aos 600 euros, recoñecendo o traballo colectivo, a posta en escena e a complexidade das propostas.

Ribadeo prepárase para vivir un Entroido espectacular con actividades para todas as idades. A celebración arrinca o martes 14 coa tradicional gala, un acto que dará o pistoletazo de saída ás festas e que reunirá aos veciños nun ambiente festivo. O martes 17 terá lugar o momento máis esperado: o Gran Desfile de Antroido, que encherá as rúas de cor, música e animación desde as 17.30 horas. Miles de participantes disfrazados percorrerán o centro da vila, ofrecendo un espectáculo pensado para o desfrute de grandes e pequenos. A programación rematará o venres 21 coa Queima do Entroido ás 21.00 horas, un acto simbólico que pon o broche final ás festas e permite á cidadanía despedir a época de Entroido cun gran ambiente festivo. Ribadeo convértese así durante estas datas nun escenario de tradición, alegría e diversión para toda a comarca.
Viveiro celebrará o martes de Entroido o Concurso de Disfraces do tradicional Desfile de Entroido. O certame contará con categorías de adultos e infantil, nas que poderán participar persoas particulares, asociacións e grupos a través de modalidades como carrozas, comparsas, grupos, parellas e disfraces individuais. As inscricións estarán abertas ata o 13 de febreiro e o xurado valorará aspectos como a orixinalidade, a posta en escena e a simpatía das propostas, nun concurso que repartirá premios en metálico de ata 700 euros, ademais de axudas específicas para as carrozas.
Trabada prepara unha nova edición do seu tradicional Entroido, o derradeiro na Mariña, e que terá lugar o vindeiro 28 de febreiro ás 18.00 horas co esperado desfile polas rúas do municipio. As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición online ata o 26 de febreiro.
A programación inclúe premios para carrozas, parellas, infantís, individuais, grupos, comparsas e charangas, sumando un total de 4.115 euros en galardóns que buscan recoñecer a creatividade e o entusiasmo de todos os participantes.
O Entroido en Barreiros arrincará o mércores 18 coa tradicional festa infantil que terá lugar pola mañá no colexio de San Cosme, onde os máis pequenos poderán desfrutar de xogos, disfraces e animación. Xa o venres 20, a celebración continuará con intensidade co desfile de Entroido, que dará comezo ás 21.00 horas. Desde o mediodía, a Praza do Concello acollerá polbería e tardeo acompañado de DJs, creando un ambiente festivo que se prolongará despois do desfile con máis música e a entrega de premios que suman un total de 1.000 euros.
Vegadeo celebrará o seu Carnaval 2026 o venres 13 de febreiro cun completo programa festivo que inclúe un gran desfile polas rúas da vila a partir das 21.00 horas, con premios en distintas categorías como infantil, individual, parellas, grupos, carrozas e charangas, ademais dun galardón especial ao mellor disfrace local. As inscricións poderán realizarse online ata o día anterior ou de maneira presencial o propio venres na Piscina Municipal. A festa continuará desde as 23.00 horas no recinto feiral coa tradicional cea de Carnaval e, xa de madrugada, coa música en directo do Grupo JB Son e do DJ Alejandro Martínez, cunha celebración aberta e gratuíta para todo o público.