O Entroido de Viveiro repartirá premios de ata 700 euros no seu desfile de 2026

AMariñaXa
O certame celebrarase o martes de Entroido e repartirá premios en metálico de ata 700 euros, con categorías para adultos e público infantil
entroido-viveiro-cartel-2024
1 Feb 2026

O Concello de Viveiro vén de aprobar as bases que rexerán o Concurso de Disfraces do Desfile de Entroido 2026, unha iniciativa coa que se pretende impulsar a participación cidadá nunha das citas máis tradicionais, multitudinarias e esperadas do calendario festivo local. O desfile terá lugar o martes de Entroido e volverá converter as rúas do municipio nun espazo de creatividade, humor e celebración colectiva.

O concurso estrutúrase en dúas grandes categorías, unha dirixida a persoas adultas e outra ao público infantil. No apartado de adultos establécense as modalidades de carrozas, comparsas, grupos, parellas e disfraces individuais, mentres que na categoría infantil poderán participar persoas a título individual, parellas ou grupos. Para os efectos da convocatoria, considérase carroza calquera vehículo de tracción mecánica que conte cunha plataforma e cun mínimo de catro persoas participantes.

Poderán presentarse ao certame tanto persoas particulares como asociacións, entidades legalmente constituídas ou grupos ocasionais, que deberán nomear unha persoa representante. Cada inscrición só poderá realizarse nunha única categoría. O prazo para anotarse permanecerá aberto do 5 ao 13 de febreiro de 2026, podendo formalizarse tanto a través do rexistro municipal como mediante a sede electrónica do Concello de Viveiro, achegando en cada caso a documentación correspondente.

Para optar aos premios será obrigatorio cumprir as normas establecidas pola organización do desfile. Entre elas figuran o uso do dorsal facilitado, o respecto da orde de saída e das medidas de seguridade ao longo de todo o percorrido, así como a prohibición expresa do emprego de material pirotécnico, da participación con animais ou da realización de representacións ofensivas. Ademais, as persoas premiadas deberán acudir disfrazadas ao acto de entrega de galardóns, que se celebrará unha vez rematado o desfile.

O xurado, designado pola organización e integrado por un mínimo de tres persoas, avaliará criterios como a creatividade e orixinalidade dos disfraces, a posta en escena, a simpatía e a graza dos participantes, así como a singularidade das carrozas ou plataformas. As súas decisións terán carácter inapelable.

O certame contempla premios en metálico en todas as categorías, con contías que poden acadar os 700 euros no caso das carrozas de adultos, ademais de recoñecementos especiais ao humor e á orixinalidade. Así mesmo, establécese unha axuda extraordinaria de ata 200 euros por cada carroza inscrita dentro do prazo fixado.

Desde o Concello de Viveiro faise un chamamento á veciñanza para sumarse a un desfile que cada ano destaca pola elevada implicación cidadá, pola imaxinación das propostas e polo ambiente festivo que caracteriza o Entroido viveirense.

PROGRAMACIÓN

⚙ Configurar cookies
0.081362009048462