O Entroido de Trabada 2025 busca cartel
A Asociación Cultural O Picato organiza o IX Concurso do Cartel Anunciador do Entroido de Trabada, unha iniciativa que busca promover a creatividade e a participación cidadá na celebración desta festividade tradicional. O concurso, aberto a tódalas persoas interesadas, establece como requisito que os carteis teñan formato DIN A4 e unha temática libre que recolla o espírito do Entroido.
As obras deberán entregarse antes do 31 de xaneiro de 2025 ás 19.00 horas no Spar Express de Trabada. Cada participante poderá presentar un máximo de dúas propostas, de forma anónima, acompañadas dos datos persoais do autor ou autora nun sobre pechado. O gañador ou gañadora recibirá un premio de 50 euros, que será entregado durante o desfile do Entroido.
O fallo do xurado, composto polos membros da xunta directiva da Asociación, será emitido o 1 de febreiro de 2025, comunicándose o resultado ao día seguinte, 2 de febreiro. Ademais, a obra premiada pasará a ser propiedade da Asociación e utilizarase como imaxe oficial do Entroido de Trabada 2025. Os carteis participantes tamén serán expostos na Casa da Cultura do Concello de Trabada, promovendo así a difusión dos traballos presentados.
A organización recalca que a participación implica a aceptación de todas as bases, sendo motivo de descualificación o incumprimento dalgunha delas. Para máis información ou consultas, as persoas interesadas poden contactar coa Asociación Cultural O Picato.