O Entroido de Foz 2025: Un mes de festa e tradición

Foz
AMariñaXa
O gran desfile do 1 de marzo será o punto álxido dunha programación que inclúe música, bailes, coplas e actividades para todas as idades
070225-PRESENTACIÓN-CARTEL-E-PROGRAMA-ENTROIDO-FOZ
7 Feb 2025

O Concello de Foz presentou o cartel e a programación do Entroido 2025, que se desenvolverá do 15 de febreiro ao 7 de marzo, cunha ampla variedade de actividades para todas as idades.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, destacou que esta edición vén cargada de eventos, sendo o gran desfile do sábado 1 de marzo o momento culminante da festa. As inscricións para participar neste desfile abriranse o 10 de febreiro.

A celebración arrinca o sábado 15 de febreiro coa tradicional cea de coroación da Raíña do Entroido, Coral Rey Oliveros, que recibirá a coroa de Carlota Fernández del Riego. O evento, que bate récords de asistencia, terá lugar na carpa da rúa Atalaia e contará coa música dos djs Alejandro Martínez e Mia Disko. Ademais, esa mañá as comparsas locais animarán as rúas da vila.

O xoves 27 de febreiro terá lugar a inauguración dunha exposición dedicada aos pregoeiros deste ano, You e Caxé, figuras clave no desenvolvemento do Entroido focense. Pola noite celebrarase a tradicional cea de comadres na Sala Bahía, organizada por Afammer e Amas de Casa Virxe do Carme, con animación musical a cargo de Mar de Arousa.

O venres 28 será o turno das coplas e do pregón, que terá lugar na carpa da rúa Atalaia a partir das 20:00 horas.

O sábado 1 de marzo celebrarase o desfile central, que este ano modifica o seu horario e sairá ás 16:30 horas, atendendo ás peticións dos grupos participantes para mellorar a organización. Como en anos anteriores, instalarase un graderío na explanada portuaria, e as entradas estarán dispoñibles desde o 20 de febreiro no CENIMA. A gala será conducida por Juan Varela e Pepo Suevos, e ao remate do desfile, ás 1:30 horas, entregarase os premios. A festa continuará cun gran baile de Entroido a partir das 00:00 horas, amenizado por Origen e La Bamba.

O concelleiro de Xuventude, Ángel Fernández Neira, subliñou as melloras en materia de seguridade, que inclúen máis saídas de emerxencia na carpa, un dispositivo especial dos bombeiros de Barreiros durante a coroación e o incremento da seguridade privada e dos controis de acceso.

Actividades para todas as idades

O domingo 2 estará dedicado aos máis pequenos, cun baile infantil, inchables e xogos, ademais da actuación de La Guagua. Pola tarde, ás 19:30 horas, entregarase os premios infantís do desfile e ás 20:30 horas celebrarase o Touporroutou no colexio Martínez Otero, organizado pola asociación A Pomba do Arco.

O luns 3 será o día dos farolillos e da representación do Entroido máis tradicional polas rúas de Foz. Ás 23:00 horas comezará o baile do farolillo, cuxo concurso será ás 1:00 horas. Para os máis pequenos, a asociación O Feitizo organizará un baile infantil do farolillo na Sala Bahía ás 17:30 horas.

O martes 4 os protagonistas volverán ser os nenos, cun baile infantil con maxia e xogos, organizado pola Asociación de Amas de Casa e o Concello.

O Entroido despedirase o venres 7 de marzo coa tradicional Queima, que sairá do Campo da Cabana ás 20:30 horas e terá lugar na Praza Conde de Fontao. Recoméndase vestir loito rigoroso para a ocasión.

A concelleira de Cultura destacou o esforzo por ofrecer un programa variado e inclusivo, no que todos poidan sentirse parte desta festa. Pola súa banda, o alcalde Fran Cajoto mostrouse optimista: “Levamos meses traballando para que este Entroido sexa espectacular, con todos os detalles coidados ao máximo e coa ilusión dos participantes, que fan desta festa un éxito ano tras ano.”

0.1913800239563