O Entroido chega a Trabada cunha sesión vermú motera organizada polo Motoclube A Cadeira

Trabada celebrará o Entroido o vindeiro 28 de febreiro cunha proposta festiva que combinará música, disfraces e espírito moteiro. O Motoclube A Cadeira organiza unha sesión vermú que terá lugar no aparcadoiro do supermercado Onda, un espazo que contará cunha carpa pechada e climatizada para garantir a comodidade das persoas asistentes.
A xornada dará comezo a partir das 12.30 horas coa actuación de The Sound Project, que será o encargado de poñer ritmo a unha celebración pensada para todos os públicos e marcada polo ambiente de Entroido. A música en directo converterase no fío condutor dunha mañá na que se mesturarán o carácter festivo destas datas coa identidade moteira que define ao colectivo organizador.
Desde o Motoclube A Cadeira animan á veciñanza e ás persoas que se acheguen dende outros puntos da comarca a participar nunha iniciativa que busca dinamizar o municipio e ofrecer unha alternativa de lecer diferente durante o Entroido, apostando pola convivencia, a música e o bo ambiente.