O EMMeD de Ribadeo programa unha intensa actividade

AMariñaXa
Farase unha mostra do traballo que leva feito unha parte do alumnado do centro ao longo do curso
Musica-Clasica
22 Xuño 2024

O peche deste curso escolar 2023/24 trae consigo unha semana de intensa actividade na EMMeD. Segundo explicou o responsable da EMMeD, Hugo García, “continuando cun dos principais obxectivos do centro, que é ser motor socio-cultural do concello, a escola vén de programar esta pequena actuación en Arante o martes, 25 de xuño, ás 19.00 horas na Capela de Nosa Señora das Virtudes, para que as persoas que non residen no casco ribadense, e lles poida resultar máis complicado asistir ás actividades que a EMMeD habitualmente programa, as poidan coñecer máis de cerca”.

Farase unha mostra do traballo que leva feito unha parte do alumnado do centro ao longo do curso. O mércores, 26 de xuño, terá lugar un encontro orquestral no que participarán as Escolas de Música de Burela, Mondoñedo, Ribadeo, Xove e Forte Glissando, de Lugo. García contou que “o alumnado participante desfrutará dunha xornada de convivencia, na que ademais dos ensaios e concerto xa programados, realizarán unha visita guiada por Burela entre outras actividades”.

O que se busca con estas accións é fomentar as relacións entre os centros educativos e enriquecer a formación do alumnado. Como peche desta xornada, a agrupación que se forme dará un concerto ás 19.00 horas no Auditorio da Casa de Cultura de Burela, onde ofrecerán un variado repertorio de obras clásicas de diferentes épocas. O xoves, 27 de xuño, ás 18.30 horas terá lugar a actuación do alumnado de danza clásica da EMMeD que realizará unha pequena actuación no Quiosco, situado no Parque de San Francisco, que xa está consolidada dentro da programación estable do centro.

E xa o venres, 28 de xuño, como peche a toda a actividade, a EMMeD organiza unha xornada de portas abertas. Será en horario de 16.00 a 18.00 horas cando o profesorado do centro explicará as distintas disciplinas que se imparten na EMMeD, incluíndo unha pequena clase práctica, previa inscrición.

0.21927690505981