O edificio do centro de día público de Ribadeo será obxecto de actuacións de mellora
O edificio que alberga o centro de día público de Ribadeo será obxecto de actuacións de acondicionamento para así mellorar as condicións do inmoble e o benestar dos seus usuarios. O está situado nun edificio singular de titularidade municipal e ao que acoden diariamente máis dunha vintena de persoas maiores.
A primeira destas actuacións consistirá na mellora da carpintería exterior do centro. Estes traballos realizaranse de maneira inmediata e suporán a substitución das portas de madeira de máis de sete metros de altura situadas na planta baixa do inmoble. Tamén se acometerán con carácter de urxencia pequenas reformas eléctricas na zona de lavandería. O Consorcio e o Concello de Ribadeo xa asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento desta intervención, á que o ente autonómico destinará máis de 17.600 euros.
Perfecto Rodríguez, xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, explicou que estas non serán as únicas melloras que se leven a cabo nesta construción de propiedade do Concello. Ao respecto, sinalou que os técnicos do ente autonómico e os municipais están a estudar as próximas intervencións, coa previsión de executalas na primeira metade do ano 2024.
Esta reformas neste inmoble que alberga o centro de día da Xunta e que é propiedade do Concello, terán lugar sete anos despois das últimas obras realizadas neste servizo de atención diúrna, cando se destinaron 48.000 euros a mellorar a climatización do centro coa instalación dunha bomba de calor.