O Domingueo volve a Ribadeo do 19 de abril ao 21 de xuño

AMariñaXa
A iniciativa, que busca potenciar o comercio e a hostalería local, incluirá actuacións musicais durante sete domingos
presentacion-domingueo-en-ribadeo
7 Apr 2026

O Concello de Ribadeo e a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo (Acisa) presentan unha nova edición da campaña Domingueo en Ribadeo, co obxectivo de promocionar as compras no comercio local. A iniciativa desenvolverase do 19 de abril ao 21 de xuño, con comercios e locais de hostalería abertos os domingos pola mañá. Ademais, haberá concertos ao mediodía os días 19 e 26 de abril, 3 e 31 de maio e 7, 14 e 21 de xuño.

A presentación do evento tivo lugar este martes e contou coa presenza do alcalde, Dani Vega, a concelleira de Turismo e Comercio, Marta Saiz, e a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.

“A primavera en Ribadeo é época de domingueo, unha campaña que ten como obxectivo promocionar o comercio e a hostalería local”, explicou Saiz, que salientou que “o feito de que o comercio abra en domingo xa atrae a moitas persoas durante todo o ano”. O Domingueo en Ribadeo, insistiu, “é un atractivo máis para vir pasear por estas fermosas rúas, mercar no noso comercio e desfrutar nas terrazas con amigos e familia tomando un vermú acompañados dun toque musical”.

“Desde o Concello xunto con Acisa seguimos traballando, apostando e dinamizando a economía local cun ambiente dinámico e acolledor no que ribadenses e visitantes convivimos con moito gusto proxectando esa imaxe dun Ribadeo vivo e activo todo o ano”, sinalou a concelleira de Turismo e Comercio, que animou á cidadanía a desfrutar desta iniciativa.

Pola súa banda, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, destacou que o Domingueo en Ribadeo busca “potenciar o comercio, a hostalería e os servizos e así dinamizar a economía local”, lembrando que a iniciativa, nacida hai anos, cambiou de formato nas tres últimas edicións “coa presenza de música nas rúas para facer aínda máis amenas as mañás dominicais na nosa vila. A acollida foi boa nas dúas últimas edicións e agardamos que se repita neste 2026”.

0.11895513534546