O documental Galicia Latente chega a Viveiro da man de Eduardo de Martís

AMariñaXa
O colectivo Pensamento e Sementeira organiza a proxección e coloquio sobre identidade e cultura galega o vindeiro venres 23 de maio
pensamento_e_sementeira
22 May 2025

Tras o éxito da Foliada do Maio, o colectivo Pensamento e Sementeira retoma a súa programación cultural cunha nova proposta aberta ao público. O próximo venres 23 de maio ás 19:00 horas, a sala multiúsos do Concello de Viveiro acollerá a presentación do proxecto "Galicia Latente", unha cita para afondar na reflexión sobre a identidade galega a través da imaxe e a palabra.

O acto contará coa presenza do propio autor, o fotógrafo Eduardo de Martís, quen conducirá a proxección do seu documental e participará posteriormente nun coloquio aberto ao público. A actividade xirará arredor de temas coma a cultura galega, a memoria colectiva e a identidade como ferramenta de emancipación.

De Martís, que vén de publicar o seu primeiro libro homónimo, recompila na obra 233 fotografías tomadas en 146 concellos de Galicia, tecendo un mapa visual que reivindica as raíces e a diversidade do país.

Dende o colectivo organizador destacan esta cita como "unha oportunidade para parar, mirar e pensarnos como pobo", convidando a toda a cidadanía a participar nesta xornada de reflexión cultural. A entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo.

⚙ Configurar cookies
0.15871500968933