O divertido espectáculo Pelos na Lingua poderase desfrutar en Barreiros
O divertido espectáculo de Talía Teatro, Pelos na Lingua, poderase desfrutar no centro sociocultural de Barreiros o domingo 10 de outubro. Esta comedia está dirixida a un público a partir de 12 anos e dará comezo ás 19.00 horas.
É un divertido espectáculo-collage que fala en clave positiva da situación crítica que está vivir a lingua galega e que vai destinado a todo o mundo, independentemente da súa posición respecto á lingua: aos galego falantes, aos que non o son, aos que queren selo pero non se atreven, aos que si queren selo e tomaron esa determinación, aos que non o falan porque non o saben falar ben, aos que lles dá igual que se fale ou non, aos que pensan que o galego debería ser a lingua universal, aos que pensan que debería ser o inglés a lingua universal, aos que cren que a maioría dos galegos falan castelán, aos que cren que a maioría dos galegos falan galego, a políticos, a mestres, a alumnos, a actores, a actrices, a carpinteiros, a carpinteiras, a todos e a todas.