O divertido espectáculo de Don Gelati estará en Barreiros o luns
O vindeiro luns, 22 de agosto ás 12.30 horas, visitará a praza do Concello un curioso vendedor de xeados con moitas ganas de sacarlle un sorriso á veciñanza e coñecido como Don Gelati.
Este curioso personaxe sufrirá todo tipo de imprevistos e infortunios co seu carro, que terá que arranxar con enxeño e cunha chea de maxia antes de que os seus xeados se derretan.
Dani García constrúe, empregando a súa habitual destreza e cun entrañable personaxe, unha comedia máxica onde a expresión corporal substitúe ás palabras, e onde a comunicación co público é constante e dinámica. Un espectáculo de maxia de rúa, sinxelo, directo e practicamente sen límites para a fantasía apto para todos os públicos.
Para saír do apuro, Don Gelati precisará da axuda de todos polo que agarda que moita xente asista ao seu espectáculo. No caso de choiva trasládase ao centro sociocultural.