O director xeral de Comercio visita Ribadeo

AMariñaXa
Vega contou que “nesta reunión, vamos darlle certo dinamismo ao Nadal, creo que hai que promocionar o comercio local, o comercio de proximidade"
xuntanza-director-xeral-Comercio
23 Ago 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou Ribadeo. O alcalde, Dani Vega, indicou que “todo o traballo intenso que estamos tendo coa Dirección Xeral de Comercio, con Acisa, en definitiva con todo un sector que representa moitísimo en Ribadeo, e dende logo nós queremos seguir promocionando, activando e trasladando novas propostas”. O rexedor subliñou que “neste caso, xa é moi novidoso todo o que se fixo durante este escaso período, onde xestionamos 50.000 euros na Dirección Xeral de Comercio para dixitalización, para promoción e tamén para incrementar orzamentariamente as Panchas. Creo que iso é importante, primeiro xestionar o orzamento e tamén trasladar propostas”.

Vega contou que nesta reunión ían "darlle certo dinamismo ao Nadal, creo que hai que promocionar o comercio local, o comercio de proximidade, todo o que representa o noso gran comercio. Debemos traballar moito nos domingos, neses domingueos que xa vimos activando e promocionando. E tamén hai que traballar nunha liña estratéxica de dinamismo local, de promoción e de relevo xeracional, porque eu creo que é realmente importante”.

O director xeral de Comercio reuniuse con Acisa, “con todo un sector, e así concretar e así tamén recoller propostas. Creo que é o máis importante esa escoita activa nun sector que sigue medrando, que sigue avanzando, e que Ribadeo ten moito que dicir no conxunto de Galicia, porque o comercio neste sector de servizos Ribadeo é un exemplo”. Nesta visita, “vainos dar a oportunidade de visitar e de escoitar a todos os comerciantes. Por tanto, nesta escoita permanente, nestas propostas nas que estamos traballando, e nesta xestión de recursos, que debemos agradecer tamén á Xunta esa dispoñibilidade. Eu creo que estamos nun camiño acertado, nun camiño de traballo e nun camiño de colaboración, que é o que dá grandes resultados”.

Pola súa parte dende a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos agradecen a visita e a xuntanza de traballo mantida en Ribadeo co director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, “ao que lle expuxemos as necesidades do noso colectivo así como algúns dos proxectos nos que estamos a traballar”, explica a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado. O xerente, Jesús Pérez, lembrou que “Acisa recibe anualmente unha importante subvención da Dirección Xeral de Comercio, así como outras axudas para a compra de material destinado aos nosos comercios, como bolsas, por poñer algún que outro exemplo; ou para a campaña de Nadal, como aconteceu o ano pasado. Esperamos neste 2024 ter boas noticias para seguir dotando de algo tan demandado para o comercio ribadense como é o material”.

Cruzado Iglesias espera “seguir traballando e contando coa colaboración da Dirección Xeral de Comercio así como do Concello de Ribadeo e da Deputación de Lugo, sen esquecernos das empresas privadas e das entidades que están a apoiar a Acisa en citas tan importantes como a Festa do Comercio, a Gala, o Ribadeo Indiano ou as xornadas gastronómicas que organizamos en diferentes épocas do ano. Queremos seguir contando con todas elas e sumar máis, si é posible”.

0.15756011009216