O Día do Veciño premiou á alcaldesa de Viveiro

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
16 sep 2019

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, xunto á voceira provincial socialista, Pilar García Porto, e acompañados doutras autoridades e deputados provinciais, participaron, o domingo, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, no Día do Veciño 2019, organizado pola Federación de Asociacións de Veciños de Lugo. Esta cita, que chegou á 18º edición, reuniu a medio cento de representantes de asociacións veciñais e máis de 4.000 participantes. A Deputación colabora con este evento realizando unha achega económica de 18.000€, converténdose na principal entidade colaboradora. Foron premiados á alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro e o presidente provincial, José Tomé.

Tomé Roca destacou o peso deste encontro na provincia e no conxunto de Galicia e sinalou que “esta cita é unha reivindicación polo futuro rural da provincia, un obxectivo estratéxico que dende a Deputación compartimos plenamente. Por iso, manteremos a colaboración que vimos achegando desde a institución provincial para sacar adiante, entre todos, proxectos e iniciativas que abran oportunidades nos nosos pobos, vilas e comarcas”.

Durante toda a xornada, os asistentes puideron desfrutar dunha ampla programación de actividades, que incluíu un partido de fútbol entre xornalistas, unha exposición de 50 artesáns da provincia, diferentes actuacións de música e baile tradicional ou o xantar, entre outros. 

Ademais, a Federación de Asociacións de Veciños recoñeceu a labor de 26 persoas que destacaron por desempeñar un papel fundamental na dinamización e promoción da súa comarca e no conxunto da provincia. Fixérono, facendo entrega a cada un deles, dos premios V de Veciño e nesta ocasión os galardoados, entre outros foron: o Presidente da Deputación, José Tomé; a Deputada Provincial e Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; o Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga; ou a Asociación Veciñal de Cervantes. 

0.21701908111572