O día 13 haberá unha manifestación contra a macrocentral hidroeléctrica do Xistral
A Plataforma de Veciños Afectados pola Macrocentral Hidroeléctrica do Xistral organiza para o domingo, 13 de marzo, unha manifestación en contra do anteproxecto presentado no Ministerio pola empresa Atalaya Generación.
O acto reivindicativo percorrerá unha distancia 9 km de dificultade media-baixa entre Vilacampa e Recaré, lugares onde irían instaladas as balsas superior e inferior. Durante a manifestación, as persoas que así o desexen poderán deixar os seus fillos nunha ludoteca habilitada paraca a ocasión en Recaré.
O percorrido faráse máis ou menos por onde iría a tubaxe que uniría as dúas balsas segundo o anteproxecto, co fin de poder demostrar a magnitude do mesmo.
Haberá tres alternativas para facer este percorrido: andando, a cabalo ou en biclicleta. Os que fagan o percorrido a pé ou a cabalo deberán estar ás 9.00 horas na igrexa de Recaré e dende alí irán ata Vilacampa, onde se iniciará a marcha.
Os que decidan ir en bicicleta, deberán estar ás 9.00 horas no pavillón municipal de Ferreira, para iniciar dende alí a marcha.
Ao finalizar o percorrido, sobre as 13.00 horas, procederase á lectura dun manifesto na igrexa de Recaré para dar por finalizado o acto.