O Desfile de Entroido de O Valadouro encherá as rúas de cor e diversión o 2 de marzo

O Valadouro prepárase para vivir unha das súas celebracións máis esperadas do ano: o Desfile de Entroido, que terá lugar o domingo 2 de marzo a partir das 17.30 horas. O percorrido comezará no parque Concepción Arenal e continuará pola Praza de Santa María, A Ponte, Xistral, Avenida da Deputación e Leandro Buján, finalizando no pavillón municipal.
Como cada ano, o desfile contará cunha gran variedade de disfraces e carrozas, e os participantes poderán optar a premios en metálico en diversas categorías: infantil individual, infantil parella, infantil grupo, adulto individual, adulto parella, adulto grupo e humor. O xurado valorará a orixinalidade, a posta en escena e a creatividade das propostas.
Ademais, os máis pequenos tamén terán unha cita especial co Entroido Infantil, que se celebrará o martes 4 de marzo a partir das 16.30 horas na Praza de Santa María. Durante esta xornada, os nenos e nenas poderán gozar de actividades como inchables, pintacaras e xogos, nunha tarde pensada para o seu entretemento e diversión.
O Entroido de O Valadouro consolídase así como unha das celebracións máis animadas da Mariña, atraendo a participantes e espectadores que enchen as rúas de ledicia e bo humor.