O deputado de Mocidade, Daniel García, parabenizou ao Club de Remo de Ribadeo polos seus 40 anos de actividade
O deputado de Mocidade, Daniel García, recibiu ao Club de Remo de Ribadeo na Deputación de Lugo, coincidindo co 40 aniversario desta entidade. Durante o acto celebrado na sede provincial, ao que asistiron palistas, persoal técnico e directivo do club, o representante da Deputación destacou a traxectoria desta entidade, que mantén viva unha tradición deportiva profundamente enraizada en Ribadeo e que conta cun destacado historial competitivo.
Daniel García recoñeceu “o enorme esforzo que implica practicar esta disciplina, marcada polos elevados custos do equipamento e polas dificultades asociadas aos desprazamentos”. Ademais, subliñou o compromiso da Deputación de Lugo de seguir colaborando co club para mellorar as condicións nas que adestran e compiten, tal como se fixo ao longo deste último ano.
Este sábado, sete remeiros e remeiras do Club de Remo de Ribadeo participarán nunha concentración da selección galega de remo en Castelo de Miño, co obxectivo de preparar o Campionato de España de Longa Distancia, que terá lugar os días 8 e 9 de febreiro en Legutiano, Euskadi. Ademais, o club ribadense tamén estará representado no Campionato Galego de Remo de Longa Distancia, previsto para os días 1 e 2 de febreiro.