O deputado Daniel Castro recalca a necesidade da creación da Autoridade Portuaria de San Cibrao

AMariñaXa
O deputado mariñao Daniel Castro recalca a necesidade da creación da Autoridade Portuaria de San Cibrao
FOTO REIVINDICACIoN AUTORIDADE PORTUARIA E DIQUE NORTE
6 sep 2021

O deputado mariñao Daniel Castro recalcou a necesidade da creación da Autoridade Portuaria de San Cibrao días despois do cese do presidente da Autoridade Portuaria Ferrol- San Cibrao, Indalecio Seijo. Así, o Bloque Nacionalista Galego pregunta por medio do deputado mariñao Daniel Castro García polos motivos que expliquen este cese dun Presidente que non levaba nin un ano no cargo.

"Como ben é sabido a Autoridade Portuaria de San Cibrao é unha meta e un obxectivo importante para a formación nacionalista, ao igual que para o conxunto da sociedade mariñá, xa que a consecución da mesma, ademais de acabar coa excepción de ser a Mariña o único territorio do Estado español sen Autoridade Portuaria propia, conlevaría un maior dinamismo económico para unha comarca tan castigada industrialmente como é A Mariña", din.

"O Partido Popular manexa esta institución con oscurantismo, do que son cómplices os alcaldes de Cervo e Xove que alternan a representación mariñá na mesma", engaden os nacionalistas.

Alén disto, o BNG volve denunciar a "opacidade do Partido Popular que vai quitando e poñendo presidentes da Autoridade a dedo e sen dar nin a máis mínima razón que argumente a chegada do novo presidente, neste caso o ferrolán, Francisco Barea". Do mesmo xeito, o BNG segue a denunciar "a pasividade e o silencio dos dous alcaldes do PP de Cervo e Xove que seguen a mostrar unha inacción total ante unha problemática vital para ambos concellos e para a comarca".

“ Agardamos que a Xunta de Galicia dea as razóns e os motivos necesarios para explicar este tipo de ceses e que rematen estes comportamentos caciquís impropios dun goberno serio e transparente” conclúe o deputado nacionalista.

0.13351607322693