O CS Xebra, en Burela, acolle a presentación da novela 'A Montaña do poeta' de Lionel Rexes
O sábado 11 de xaneiro ás 12.00 horas o Centro Social Xebra, en Burela, acollerá un encontro literario no que contarán co alfocego Lionel Rexes e a súa novela A Montaña do poeta.
No argumento de A montaña do poeta, "os centros sociais autoxestionados, e por extensión o tecido social máis contestatario, forman parte fundamental da trama", di o poeta.
"Teño asistido a algunhas actividades literarias artelladas no Xebra, máis nunca fora convocado como autor, e confeso que tal feito arrinca unha espiña do meu corazón de creador literario", engade Rexes.
Publicada por Xerais e galardoada co premio Lueiro Rey de Novela a finais do pasado ano 2021, esta obra estáambientada en escenarios tanto rurais coma urbanos, desenvolve a súa trama principal nun lugar imaxinario chamado Lagoa, unha poboación onde o desequilibrio demográfico orixina curiosas relacións sociais.
O argumento, familiarizado coa conspiración, parte dun suceso do pasado para instalarse na actualidade e desenvolver unha acción de alta intensidade.
É pouco coñecido o vínculo do escritor Antonio Noriega Varela, alcumado popularmente como O poeta da montaña, cunha vetusta construción situada no Alfoz do Castrodouro. Deste feito real parte unha ficción absolutamente contemporánea, unha trama que recrea o ocaso dun rural onde a mocidade loita por atopar oco e os anciáns, acompañados dos seus cans, matan o tempo morto legando a bagaxe da vida. No medio desta existencia rutineira, un suceso con esencia ideolóxica sacudirá a dinámica do municipio.