O CPR Plurilingüe Landro e o CEIP Vista Alegre participarán no programa piloto de vacinación intranasal fronte á gripe

AMariñaXa
A iniciativa da Xunta chega a 2.323 nenos e nenas da provincia de Lugo e busca acadar unha cobertura mínima do 70 % entre o alumnado de 3 a 11 anos
Campaña de vacinación contra a gripe
23 Sep 2025

O CPR Plurilingüe Landro de Viveiro e o CEIP Vista Alegre de Burela foron dous dos centros seleccionados na Mariña para participar no programa piloto de vacinación fronte á gripe por vía intranasal que a Xunta porá en marcha a partir do 13 de outubro. A medida permitirá inmunizar de maneira voluntaria ao alumnado de 4º, 5º e 6º de infantil e a todos os cursos de primaria, abranguendo así a rapaces e rapazas nados entre 2014 e 2022.

Os equipos de enfermaría da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte desprazaranse ata os colexios para administrar a vacina nas propias instalacións, o que facilita o proceso e evita desprazamentos das familias. Ademais, ao tratarse dunha vacina intranasal, elimínase a necesidade de pinchazo, facendo máis sinxela a súa aplicación.

Segundo destacou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o obxectivo é “acadar unha cobertura do 70 %” entre os menores destas idades e consolidar o liderado de Galicia na prevención de enfermidades a través do calendario de vacinación “máis completo do mundo”. A administración autonómica recalca que a finalidade última é reducir complicacións derivadas da gripe, protexer a saúde infantil e evitar a transmisión do virus ás súas familias e ao conxunto da sociedade.

O programa, que tamén inclúe outros sete centros da provincia de Lugo, abrangue un total de 55 colexios en toda Galicia, seleccionados para representar ámbitos urbanos, semiurbanos e rurais. Antes da súa posta en marcha, tanto os centros educativos como as familias recibirán información detallada mediante reunións co persoal sanitario, e será necesario que os pais e nais asinen a autorización para que o alumnado poida ser vacinado.

⚙ Configurar cookies
0.098150968551636