O Coro de Adultos do Conservatorio de Viveiro despide o curso cun concerto cargado de emocións

AMariñaXa
A cita será o sábado 24 de maio ás 20:30 h na Igrexa das Concepcionistas, cun repertorio variado que vai desde o cinema ata o pop
conservatorio-musica-viveiro
22 May 2025

O Coro de Adultos do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro, dirixido por Antonio José Álvarez Neira, ofrecerá este sábado 24 de maio o seu tradicional concerto de fin de curso. A actuación terá lugar ás 20:30 horas na Igrexa das Concepcionistas de Viveiro, poñendo o broche de ouro a un curso 2024/2025 cheo de actividade musical.

Ao longo deste curso, o coro —formado por 50 voces mixtas pertencentes á asociación musical Melomanía— levou a cabo unha intensa programación de concertos, especialmente nos meses de outono e primavera. Entre os retos de futuro destaca a súa participación nunha actuación no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

O repertorio do concerto promete sorprender pola súa diversidade estilística, con arranxos corais de música de películas, temas populares e cancións pop, ofrecendo unha experiencia accesible e emocionante para todos os públicos. A organización corre a cargo da Asociación do Alumnado Adulto do Conservatorio, coa colaboración do Concello de Viveiro e da comunidade das MM Concepcionistas.

A asociación Melomanía, presidida por Mario Vale, conta con 130 persoas asociadas que estudan distintas especialidades musicais como piano, guitarra, baixo eléctrico, batería, clarinete, saxofón, acordeón, gaita ou linguaxe musical. Como novidade de cara ao novo curso, incorporarase a formación en violín e viola.

Outro dos logros destacados deste curso foi a creación de dúas novas agrupacións eléctricas con sonoridade pop-rock. Por unha banda, Sen límites, un grupo formado integramente por mulleres, e por outra, Fervenza 0'0, unha banda de rock con personalidade propia.

⚙ Configurar cookies
0.14548397064209