O Consorcio Galego e o Concello de Ribadeo asinan un convenio para financiar as obras no centro de día
O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o Concello de Ribadeo asinan un convenio de colaboración para financiar obras no centro de día A Concordia. O investimento ascende a 50.000 euros e irá destinado a mellorar a accesibilidade e o equipamento, á eliminación de humidades e a traballos de pintado. Asinaron este convenio o xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, e o alcalde, Dani Vega, acompañados polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias; a concelleira de Benestar Social, Elena Sierra; e o traballador social municipal, José Luis Gegunde.
“Xa o ano pasado fixemos unha primeira intervención para mellorar toda a carpintería exterior deste edificio tan singular que acolle este centro de día. E agora vamos seguir facendo reformas para que pouco a pouco siga tendo unhas condicións ideais para a atención aos nosos maiores”, asegurou Perfecto Rodríguez. Neste caso, van mellorar o espazo exterior, para que haxa unha zona de recreo para os maiores ben accesible.
Ao mesmo tempo faranse intervencións no interior e reposición de mobiliario e contratarán unha climatización da galería do centro de día para esa zona, “que cremos que vai ser dun uso ideal para os maiores”. En total entre o convenio e esta intervención investirán 65.000 euros, que vai executar na súa maior parte a través deste convenio o propio Concello, como titular do inmoble. O xerente do Consorcio destacou “a preocupación que o Concello de Ribadeo, a través o seu alcalde desde a súa chegada, está tendo para que este centro teña mellores condicións”.
O alcalde, que agradeceu o traballo realizado pola Área Benestar Social e polos traballadores do centro, manifestou que o Concello desde hai un ano abriu as portas ao investimento. “Nós non queremos enfrontamento de ningún tipo senón a colaboración de todas as administracións; e a Xunta de Galicia así o entendeu e está colaborando con cada unha das propostas que traslada o Concello de Ribadeo, despois dunha planificación e unha xestión para ese investimento porque hai unha demanda ou unha carencia ou houbo un abandono durante moito tempo”.
Asegura que o centro de día traballaba coa Xunta de Galicia pero, “non había esa preocupación local por ter unhas instalacións acondicionadas. Investimos 16.700 euros nos peches do centro de día e agora imos investir 50.000 euros en accesibilidade e en equipamento”. Deste xeito, están traballando “no que nos pediron os traballadores do centro para ter unhas instalacións acordes”.
Polo tanto, “vamos seguir traballando, xestionando, utilizando cada vez menos os recursos municipais e destinándoos para asuntos fundamentais, e usando cada vez máis recursos doutras administracións. Menos fondos propios e máis doutras administracións, que é o importante. Esa capacidade de xestión e que eses investimentos veñan para Ribadeo”, sostén Dani Vega.