O conservatorio de Viveiro non cobrará as mensualidades do período telemático
O Concello de Viveiro tomou a decisión de non cobrar as mensualidades dos usuarios do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro ata o momento en que se reincorporen ás clases presenciais.
Desta decisión benefícianse unhas 250 familias con fillos e fillas estudando no conservatorio. Por prevención debido á situación provocada pola Covid, os ensinos presenciais suspendéronse o día 21 de xaneiro, por acordo da alcaldía e a dirección do conservatorio.
Desde ese día os ensinos impártense de forma telemática. Posteriormente á decisión do Concello de Viveiro, a Consellería de Educación da Xunta de Galicia decidiu pechar os conservatorios ata polo menos o 17 de febreiro.
O Concello xa procedeu á devolución dos recibos correspondentes a xaneiro e no mes de febreiro, reábranse ou non as instalacións, tampouco se procederá ao cobro.
Respecto aos establecementos de hostalaría que permanecen pechados, non se cobrarán os recibos de auga, saneamento e lixo durante o tempo que así permanezan; do mesmo xeito que se procedeu no 2020, en 2021 eximirase tamén aos establecementos do pago das taxas correspondentes por ocupación da vía pública coa instalación de terrazas.