O Conservatorio de Música de Viveiro acolle unha mostra sobre Luis Cebreiro
O salón de actos do Conservatorio de Música de Viveiro acolle desde onte e ata o día 31 de agosto unha exposición de homenaxe a Luis Cebreiro polo centenario do naufraxio do ‘Santa Isabel’.
Nun acto celebrado no Teatro Pastor Díaz antes da inauguración da mostra, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, destacou que “Luis Cebreiro, nado en Ferrol pero vivariense de adopción, é sen dúbida un dos persoeiros da nosa vila no século XX”.
“Benefactor, héroe da Marina, impulsor dos estudios marítimos e do servizo de salvamento marítimo, foi o marino mercante máis condecorado do século pasado; pero máis aló da súa traxectoria profesional, Luis Cebreiro será sempre lembrado pola súa forma de ser, deixou unha fonda pegada en todos aqueles que tiveron a sorte de coñecelo”, engadiu.
A exposición, comisariada por José Luis Moar, inclúe fotografías da época, a maqueta do ‘Santa Isabel’, da lancha de salvamento marítimo de base en Viveiro nos anos 40-70 do século pasado, e do bote tradicional da Mariña lucense, ademais de uniformes, planos, obxectos de valor, etcétera.
“Luis Cebreiro foi un home de mar que dedicou a súa vida a traballar pola xente do mar… e sendo así, é máis sinxelo entender que aquí en Viveiro atopase o seu fogar”, rematou a alcaldesa.