O concurso de poesía de Cervo xa ten gañador

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O certame de poesía de Cervo organizado para pasar un illamento máis divertido xa ten gañador.
13 Apr 2020

O certame de poesía de Cervo organizado para pasar un illamento máis divertido xa ten gañador.

Así, #cervoquedanacasa, agasallou e agradeceu a Xacobo Casal Villares e a súa obra Nos ollos de Celia.

 

NOS OLLOS DE CELIA

De lonxe e temeroso vereite tocar entre as fendas dun muro as flores dun pequeno toxo,

e de cerca ensinarasme que non haberá pedras que non haberá espiñas,

mentres as túas mans procuren sentir o descorrer omnipotente desta e todas as primaveras,

e sendo os mesmos ollos que te viron nacer os ollos cos que naciches e miraches a túa nai,

sexa a primavera que sexa,

a renacida foresta que saibamos deixarche,

sei que será túa e será libre,

tan libre coma a terra baldeira de nós mesmos que hoxe quixera ensinarche a pisar,

tan libre coma un carreiro de bágoas entre eiras coma unha eira de bágoas entre carreiros,

empedrados eles reverdecidas elas co recordo de todas as penas que agora quixeramos deixar atrás.

 

Serás libre meu amor serás canción sen tempo serás verso sen medida,

serás un concerto de campás gaitas bombos e tambores en día de festa,

serás un pulo entre todas as nenas pulando,

entre tódalas voces berrando no patio sen fronteiras que será algún día pobo serás voz,

ou serás silencio e quietude porque serás ti e serás o que queiras ser.

 

E cando volva o trigo e o millo ás herdades hoxe desertas,

sendo ti terás man aberta en xenerosa sementeira,

e cando as nogueiras e os castiñeiros ruxan nos montes abertos,

sendo ti repartirás bicos de noces colares de magosto a fraga enteira,

e todas as veciñas bailarán ao teu redor o alalá da miña meniña o alén das uvas,

viño pan e chourizos cantareiras,

e cando o mar asubíe contra o nordeste noso vento,

sendo ti retratarás amenceres luminosos sobre a area brétemas esvaecidas na ribeira,

e todas as veciñas bailarán ao teu redor o alalá da miña meniña o alén das uvas ,

viño pan e ourizos cantareira.

 

Has cantar libre meu amor has cantar coma faro lúcido no cumio do último peteiro,

has cantar coas mans alzadas sen nada que nos deber sen nada que esperar de nós,

co horizonte aos teus pés has cantar ti fouce forte gamela pequena auga mariñeira,

has cantar ao mundo que non soubemos ser coa felicidade de quen ten os petos baleiros,

entón seremos silencio e quietude porque serás libre serás ti da man de todas serás o que queiras ser.

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.13590097427368