O Concurso de Fotografía Turística do Vicedo celebra a súa oitava edición con gran participación

AMariñaXa
Máis de 60 imaxes foron presentadas por 25 autores e autoras, nun certame que destacou pola calidade artística e a diversidade de paisaxes retratadas
Vicedo-concurso-foto-2025-primeiro-premio-Monica-Vila-San-Roman
Primeiro premio á fotografía de Mónica Vila, "San Román"
22 Aug 2025

A Casa da Cultura do Vicedo acolleu recentemente a proxección, o coloquio e a entrega de premios do VIII Concurso de Fotografía Turística, unha cita xa consolidada no calendario cultural do municipio. Nesta ocasión, arredor de 25 participantes achegaron máis de 60 imaxes que recolleron tanto a riqueza da costa como a beleza do interior da localidade.

Segundo sinalou a organización, a calidade das propostas foi “moi alta”, o que fixo especialmente difícil a decisión do xurado. O acto estivo acompañado dun animado coloquio no que os propios fotógrafos e fotógrafas explicaron as súas intencións creativas e compartiron anécdotas arredor das obras presentadas.

O primeiro premio, dotado con 300 euros, foi para Mónica Vila, coa fotografía titulada San Román. O segundo galardón, con 200 euros, recaeu en Alejandro Martínez, autor de Maravillas del Amanecer. O terceiro premio, de 100 euros, correspondeulle a Sarai Fernández, pola súa obra O faro de Vicedo Vello.

Ademais, entregouse un premio especial destinado a menores de 30 anos, valorado en 50 euros, que foi outorgado a Laura García pola fotografía O Vicedo. Silencio que acolle.

Dende o Concello destacaron que este concurso “segue a medrar en interese e participación, converténdose nun escaparate privilexiado para mostrar a riqueza natural e cultural do Vicedo a través da mirada da cidadanía”.

⚙ Configurar cookies
0.14543104171753