O Concello xa ten elaborado o proxecto para o parque Pernas Peón de Viveiro
O Concello de Viveiro anuncia que xa ten elaborado o proxecto para a realización gradual do parque público Pernas Peón.
Trátase dun proxecto amplo e ambicioso, no que se contemplan varias zonas de actuación, preservando a esencia tradicional do parque, co obxectivo final de mellorar a calidade deste espazo verde. O parque conta cunha superficie total de 3 hectáreas e se vén utilizando polos veciños e veciñas como lugar de descanso e esparcemento.
As diferentes intervencións que se pretenden levar a cabo teñen como finalidade, entre outras, a apertura visual dos bordes do parque, para preservar o carácter de espazo verde alleo ás construcións e urbanizacións do entorno, así como a creación de novos usos. Tamén está previsto crear unha praza central ou a utilización da vexetación como elemento de unión entre as diferentes zonas para que os veciños e visitantes perciban o espazo como unha unidade.
Ao tratarse dun proxecto elaborado para a súa realización gradual, o goberno municipal ten intención de ir executando as obras por zonas. Ademais, o feito de contar co proxecto xa elaborado permitiría solicitar algunha subvención que puidera convocarse para este tipo de fin con fondos europeos.
O Concello de Viveiro leva tempo traballando na elaboración deste proxecto e ten intención de comezar executando as actuacións contempladas para a zona sureste do parque, na que recentemente se talaron diversas árbores por cuestións de seguridade. En concreto, en breve, procederase á retirada do mobiliario existente e á plantación de 18 árbores de diferentes especies, xa con determinado porte e grosor. Ademais, realizaranse os movementos de terra precisos e a plantación de cespede onde sexa necesario.
A primeira actuación, como se indica, foi a realización do proxecto por parte da empresa lucense Landelar – Diseño de Espacios Verdes. Dentro do orzamento municipal correspondente ao exercicio 2021 existía unha partida de 30.000 euros destinados a este parque; a existencia desta partida formaba parte do acordo para a aprobación dos orzamentos entre o goberno municipal do PSOE e o grupo Por Viveiro. Dese importe de 30.000 euros, unha parte foi dedicada á redacción do proxecto básico e de execución e outra parte será destinada á plantación referida.
O proxecto para o parque Penas Peón foi redactado para poder actuar por partes, nas cales irán árbores de nova plantación, ademais de formación de setos, plantación de arbustos e vivaces, camiños de jabre, e mesas de picnic. O goberno municipal exporá este proxecto ao público, previsiblemente no vindeiro mes de marzo, para que poida ser coñecido polos veciños e veciñas de Viveiro.