O Concello ultima as obras na nova pista de atletismo de Cervo
O Concello de Cervo ultima as obras das que serán as únicas pistas homologadas de atletismo da Mariña e que estarán situadas no Complexo Deportivo da Veiga, en San Cibrao.
A rexedora, Dolores García Caramés, expresou unha vez máis “a satisfacción enorme” de ver como o noso municipio se vai converter no epicentro do atletismo da Mariña “grazas á optimización dos recursos deportivos existentes”.
A alcaldesa explicou, neste sentido, que se veñen de sumar algo máis de 80.000 euros do remanente de tesourería -83.359,04 euros concretamente- ao proxecto de renovación destas instalacións que se están a executar grazas a un convenio de colaboración subscrito entre a administración local e a Xunta de Galicia, a través da secretaría xeral para o Deporte.
Caramés puntualizou que “grazas á xestión rigorosa das arcas municipais e a que temos as contas completamente saneadas” podemos afrontar con solvencia imprevistos que se poden dar con certa frecuencia en obras de envergadura como esta cuxo orzamento inicial estaba cifrado en 560.000 euros.
A rexedora afondou nos pormenores do proxecto que consiste “na renovación da pavimentación da pista con material sintético homologado de última xeración, na mellora da rede de saneamento evacuación de augas e na adecuación da infraestrutura para as probas de salto de pértega, carreiras de obstáculos, salto de altura, salto de lonxitude, triplo salto e lanzamento de peso”.
O máis importante é que imos ter as primeiras pistas homologadas de atletismo da Mariña –afondou a rexedora-, “imos ser un referente deportivo en toda a comarca e para nós iso é moi positivo”, sentenciou.
PSOE
Segundo os socialistas de Cervo "como veciños de Cervo e que imos aportar 293.359,04 euros, pedimos que se leve a cabo un plan axeitado de mantemento para esta nova instalación deportiva que garanta o seu coidado e conservación".
Por outra banda piden que desde o Concello, se promova a práctica do Atletismo para que esta instalación sexa aproveitada ó máximo.
Así mesmo aproveitaron a sesión plenaria para poñer de manifesto no pleno outras deficiencias da zona deportiva da Veiga que "esperamos sexan reparadas nun futuro próximo como son os vestiarios, gradas e baños públicos".