O Concello ribadense pon en marcha a campaña de esterilización das colonias de gatos
O Concello pon en marcha a segunda campaña de esterilización das colonias de gatos que viven nas rúas de Ribadeo. O edil de Medio Ambiente, Jorge Díaz, destaca o traballo realizado polo voluntariado.
O concelleiro ribadense dixo que “desde o Concello retomamos a campaña de esterilización dos gatos e gatas das rúas de todo o municipio de Ribadeo”. E lembrou: “quero facer un pequeno recordatorio do que se fixo na anualidade anterior: o máis importante quizais foi sentar as bases para organizar un grupo de voluntariado e ter as colonias tuteladas con esas persoas e así darlle a forma a ese traballo ao longo da campaña pasada para que fose eficaz e dera os seus froitos”.
Díaz Freije subliñou que “a ano pasado concretamente leváronse a cabo unhas 35 esterilizacións, un labor que foi posible grazas a todo este voluntariado, apoiado tecnicamente polas dúas clínicas veterinarias da vila e tutelado polo Concello de Ribadeo”.
O edil de Medio Ambiente indicou que “o que pretendemos agora nesta nova campaña en 2022 é seguir na mesma liña que xa marcamos o ano pasado. E para iso imos incrementar a partida orzamentaria, tanto para esterilización como para alimentación. E tamén queremos dar pasos na mellora das colonias e, sobre todo, acreditar ás persoas voluntarias para que así estean seguras á hora de darlles de comer aos animais en calquera destas colonias”.