O Concello ribadense acometerá melloras na escola municipal de Ove
O Concello acometerá a mellora e o acondicionamento exterior da Escola Municipal de Ove. Será con fondos propios e cunha subvención de 9.800 euros procedente de Turismo de Galicia.
O concelleiro de Medio Rural, Marcos Villamil, contou que “acabamos de ser merecedores dunha pequena axuda das convocadas por Turismo de Galicia para actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago”.
Villamil explicou que “aproveitando esta Orde de axudas, e xa que está a carón do Camiño Norte de Santiago, desde o Concello propuxemos a mellora e o acondicionamento exterior da Escola Municipal de Ove”.
O concelleiro de Medio Rural subliñou que “agora coa confirmación desta axuda que se cifra en 9.800 euros e asumindo o Concello o resto, executaremos as obras de pintado do exterior da Escola, repararemos a súa carpintería exterior e repasaremos as fachadas e as baixantes. É dicir melloraremos a estética e a conservación deste inmoble que está ao pé do Camiño de Santiago para que siga sendo funcional e usado por todos os veciños e veciñas da parroquia”.
Marcos Villamil engadiu que “temos que sinalar tamén que esta é unha máis das accións que desde o Concello de Ribadeo estamos a levar adiante, tanto con fondos municipais como aproveitando a colaboración con outras administracións, neste caso, coa autonómica”.