O Concello retoma as charlas de saúde do programa Preto de Ti centradas na diabetes

O Concello volve poñer en marcha as charlas de saúde do programa Preto de Ti, reafirmando o seu compromiso coa promoción da saúde e a prevención de enfermidades entre a veciñanza. Nesta nova edición, as sesións estarán dedicadas á diabetes, unha patoloxía de elevada prevalencia que afecta a unha parte importante da poboación, especialmente ás persoas de maior idade.
A través destes encontros, ofrecerase información clara e práctica co obxectivo de axudar á cidadanía a comprender mellor esta enfermidade e a adquirir novos coñecementos que permitan mellorar a súa calidade de vida. As charlas incidirán na importancia dos pequenos coidados diarios, demostrando que, cun seguimento adecuado, é posible manter un bo estado de saúde.
As sesións desenvolveranse nas escolas das parroquias en diferentes datas e horarios. En Vilaselán terán lugar o 27 de xaneiro ás 18:00 horas; en Ribadeo, o día 28 tamén ás 18:00 horas; en Arante, o 3 de febreiro ás 16:30 horas; en Cedofeita, o 5 de febreiro ás 16:15 horas; e en Cinxe, o 9 de febreiro ás 16:15 horas.
Desde a Área de Benestar Social, Saúde e Familia, a concelleira Elena Sierra destacou a relevancia deste tipo de iniciativas e animou á participación da veciñanza. Segundo indicou, seguir apostando pola prevención e pola información resulta clave para coidarse de maneira colectiva e avanzar cara a unha mellor calidade de vida.
As charlas serán impartidas pola enfermeira de Benestar Social, María Roel, quen abordará aspectos fundamentais como os síntomas da diabetes, os distintos tipos existentes, os factores de risco, os coidados diarios necesarios e a importancia dun seguimento sanitario axeitado. Sierra subliñou tamén que estas accións son especialmente importantes para a poboación maior, xa que coidar da súa saúde e ofrecer ferramentas para uns coidados de calidade constitúe unha prioridade para o Concello.