O Concello realizou melloras nas instalacións da pista viveirense de Parquemar
O Concello de Viveiro realiza de forma periódica tarefas de mellora e mantemento nas súas instalacións, como as que acaba de rematar na pista deportiva de Parquemar.
Neste caso, trátase da montaxe dun valado lacado en verde de 42 metros que inclúe unha porta de acceso e está composto por 16 columnas en tramos de 3 metros, construído en chapas de aceiro inoxidable e con parafusos.
"Damos resposta ás demandas veciñais e continuamos co plan de mellora continua dos servizos e infraestruturas municipais", afirma a alcaldesa, María Loureiro.
A pista deportiva de Parquemar está situada nunha das zonas con maior densidade de poboación de Viveiro e supón un centro neurálxico de ocio para a rapazada de todas as idades.
A instalación deste valado únese á colocación no pasado mes de marzo dunha columna de 10 metros con tres proxectores de 100 vatios para reforzar o alumeado deste parque infantil.
Ademais destes traballos, o Concello de Viveiro continúa realizando labores como a reparación e suxeición dos elementos de xogo ou a substitución dos elementos deteriorados.