O Concello realiza obras nos camiños das parroquias ribadenses neste inicio de 2023

AMariñaXa
O Concello realiza obras nos camiños das parroquias neste inicio de 2023.
13 Jan 2023

O Concello realiza obras nos camiños das parroquias neste inicio de 2023. En total o investimento ascende a 700.000 euros, que son financiados a través do Plan Único da Deputación e con fondos propios municipais.

O edil de Medio Rural, Marcos Villamil, contou que “empezamos o ano traballando nas parroquias do noso concello coa mesma intensidade coa que rematamos o 2023. Nestes días estamos procedendo a mellorar e modernizar unha serie de camiños municipais en todas as parroquias”.

Marcos Villamil subliñou que “estámolo facendo a través do Plan Único que levamos a cabo conxuntamente o Concello de Ribadeo e mais a Deputación de Lugo. Para iso fixemos un enorme esforzo económico, ao igual que o estivemos facendo nestes anos para ir transformando e mellorando todas as nosas parroquias, tanto as da costa como as do Interior”.

O concelleiro ribadense lembrou que “a finais do 2022 estivemos en varios barrios de Covelas e da Devesa. E agora a principios deste ano estaremos nos barrios e parroquias de Vilausende, Cedofeita, Couxela, Ove, Vilaframil, Arante, As Anzas, Remourelle, Piñeira e Vilaselán. Só con este Plan Único xa estamos a investir uns 700.000 euros que se veñen sumar a cifras parecidas que levamos investido nestes anos, o que nos dá unha enorme satisfacción o feito de ver como están cambiando para ben os accesos aos nosos núcleos rurais”.

Villamil engadiu: “e sabendo como non, que temos un concello moi grande e aínda quedan moitos sitios por chegar, pero estamos no camiño para facelo, e sempre contando coas opinións do movemento asociativo veciñal”.

0.16449689865112