O Concello presentará o 24 en Madrid o Ribadeo Indiano
O próximo 24 de xaneiro ás 20:00 horas na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia o Concello de Ribadeo en colaboración con Acisa presentará a nivel internacional o seu evento histórico cultural Ribadeo Indiano.
A concelleira de Turismo e Comercio, Ana Martínez, lembrou que “como é sabido, a emigración deixou en Ribadeo unha profunda e visible pegada, palpable por todas as partes: no urbanismo, a innovación empresarial, a transformación agraria, a educación, a cultura, a música, o asociacionismo, a promoción social… Por iso, desde fai cinco anos, o Concello de Ribadeo en colaboración con Acisa vén organizando esa celebración cultural e festiva que ten tres grandes obxectivos: poñer en valor o noso rico legado emigrante; celebrar valores como a integración, a solidariedade, a concordia ou a interculturalidade; e contribuír a que os países de acollida non sexan só lugares onde repouse boa parte da memoria de Galicia senón tamén territorios de futuro, prósperos e útiles para todos/as a través do mutuo intercambio e coñecemento”.
A edil nacionalista sinalou que “conscientes, de que este evento se está a converter nun referente a nivel galego, sendo así, un dos eventos culturais máis relevantes do país en canto a representatividade histórica deste período modernista. E chegados a este momento, é necesario dar un paso máis e promocionar o Ribadeo Indiano a nivel internacional. Así, aproveitando a Feira de Turismo Internacional (FITUR), este evento presentarase nun acto institucional que terá lugar o próximo 24 de xaneiro ás 20:00 horas na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia situada na rúa Casado del Alisal, 8”.
O acto de presentación contará coa participación do delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega; o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez; a concelleira de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio, Ana Martínez; e o presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Francisco Iriarte Quintana, entre outras personalidades.
Durante o acto darase a coñecer a nivel internacional o Ribadeo Indiano, así como o seu vídeo promocional para este ano 2019. A presentación poderá seguirse en streaming a traves da páxina de Facebook do Ribadeo Indiano.
O acto pecharase cunha mostra gastronómica a cargo de restaurantes da localidade que foron premiados no Ribadeo de Tapeo 2018: O Piano, que obtivo o premio do público e El Oviedo, un dos gañadores do premio do xurado profesional. A cita estará amenizada cunha actuación musical a cargo da ribadense Carme Rodríguez.
O Concello convida a asistir a esta posta de longo, a todos os ribadenses que viven en Madrid, empresarios vinculados coa localidade, xornalistas e amantes de Ribadeo.